Día Internacional dos Museos 2015

A celebración do Día Internacional dos Museos conmemórase este ano baixo o lema ‘Cultivando a cultura’. Os museos promotores desta idea son Museo do Pobo Galego, CGAC, Museo Fundación Eugenio Granell, Museo Catedral, MUPEGA, Museo de Historia Natural e Museo das Peregrinacións e de Santiago. Todos eles ofrecen unha serie de accións e actividades destinadas a promover o patrimonio e a cultura dende a perspectiva da sustentabilidade. A partir do luns 18 e ata o sábado 23 de maio os museos que participan na iniciativa DIM Compostela desenvolven unha programación coordinada baseada na achega dos museos a unha sociedade sustentábel, tema proposto para a xornada internacional dos museos 2015 polo ICOM (Consello Internacional de Museos). A escolla do lema ‘Cultivando Cultura’ fai referencia á diversidade cultural entendida como produto e parte da biodiversidade  pola que temos a responsabilidade de velar. Deste xeito os Museos do DIM Compostela representan a relación entre a biodiversidade e a diversidade sociocultural a través dunha acción conxunta que pon en valor os recursos naturais endóxenos, usando variedades hortícolas tradicionais ás que se asocia unha parte importante do patrimonio cultural dos pobos. As actividades comprendidas en ‘Cultivando Cultura’ comezan o luns 18 con xornadas de portas abertas en algúns dos museos e continua durante toda a semana con música, conferencias e obradoiros aos que se suman roteiros guiados polo Parque de Vista Alegre de man do Museo de Historia  Natural e visitas guiadas relacionadas coa educación ambiental no MUPEGA. Outras accións do DIM Compostela inclúen visitas comentadas ao Museo Catedral e ao Museo das Peregrinacións e de Santiago, geocaching no CGAC, unha guía lúdica para familias no Museo do Pobo Galego e acceso guiado ó taller de restauración do Museo Granell. A programación remata o sábado 23 coa Sesión Vermú do CGAC e Museo do Pobo galego, que inclúe os concertos de Alessandra Rombolá (Vertixe Sonora Ensemble) e de Cinta Adhesiva. Non esquecer que debido á celebración do vinte aniversario da Fundación-Museo Eugenio Granell, este contará con actividades especiáis durante a semana do DIM.