Presentación do libro «Os bolechas van á Catedral de Santiago»

Dende hoxe, as visitas didácticas que se realizan ao Museo da Catedral de Santiago contan cun novo libro-guía protagonizada polos coñecidos personaxes dos bolechas. Esta mañá presentouse na cripta do Pórtico “Os bolechas van á Catedral de Santiago” nun acto que, ademais dos propios bolechas, estiveron presentes rapaces do colexio López Ferreiro. Tamén estivo o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

O libro é unha guía didáctica que fai un repaso pola arte e a historia da construción da catedral, contada aos bolechas polo peregrino Xacobe. Os exemplares serán empregados nas visitas escolares que se organizan dende a Fundación Catedral de Santiago.

Os bolechas pertencen a unha famosa serie de libros infantís, creados polo ilustrador Pepe Carreiro. A edición correu a cargo de Bolanda, e foi posible grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.