Benvidos ao Pórtico da Gloria

O Cabido compostelán e a Fundación Catedral danlle a benvida ao seu Museo e desexan que goce da experiencia de coñecer a historia da catedral a través das súas coleccións artísticas. Coa adquisición desta entrada está vostede colaborando na conservación, estudo e difusión do patrimonio cultural da catedral de Santiago.

O Pazo de Xelmírez

Atopámonos no Pazo de Xelmírez, un dos máis destacados edificios medievais de carácter civil que chegaron aos nosos días e que debe o seu nome ao primeiro dos arcebispos de Compostela, Diego Xelmírez…

Leer máis

Atopámonos no Pazo de Xelmírez, un dos máis destacados edificios medievais de carácter civil que chegaron aos nosos días e que debe o seu nome ao primeiro dos arcebispos de Compostela, Diego Xelmírez, un personaxe fundamental para a historia da catedral e a tradición xacobea, que viviu nos últimos anos do século XI e a primeira metade do XII e que impulsou a súa construción. Con todo, os espazos do edificio que percorreremos apenas conservan restos da construción orixinal e son froito de diversas reformas realizadas, principalmente, no gótico e no barroco.

Desde o Pazo de Xelmírez, hoxe una das sedes do Museo Catedral, achegarémonos á obra do Mestre Mateo, o máis importante artista da catedral, a través dun espazo monográfico habilitado nalgunhas das súas salas e accederemos ao Pórtico da Gloria, obra cume da arte medieval europea. Esta audioguía interactiva no seu dispositivo móbil orientará o seu percorrido e iralle ofrecendo contidos e imaxes sobre os distintos capítulos do proxecto do Mestre Mateo na catedral, en especial, sobre os aspectos máis importantes do Pórtico da Gloria.

A ter en conta

Por motivos de seguridade e conservación, o aforo do Pórtico da Gloria é limitado e, tamén, o tempo máximo de estancia no mesmo. Rogámoslle que comprobe na súa entrada a hora prevista para o acceso ao Pórtico e que atenda as indicacións do persoal do Museo e os paneis informativos.

Non esqueza conectar os seus auriculares e, se non dispón deles, solicite as unidades dispoñibles na área de recepción do Museo.

Empezamos…

¿Qué che interesa ver?

Espazo Mestre Mateo
Pórtico
O Pórtico da Gloria

Espazo Mestre Mateo

¿Por onde comezamos?

O Mestre Mateo

A pesar da súa relevancia artística e do seu especial significado para a catedral de Santiago e para a arte de Galicia, a figura do Mestre Mateo, a súa orixe, procedencia e formación seguen sendo aspectos, en boa medida, descoñecidos…

Leer máis

A pesar da súa relevancia artística e do seu especial significado para a catedral de Santiago e para a arte de Galicia, a figura do Mestre Mateo, a súa orixe, procedencia e formación seguen sendo aspectos, en boa medida, descoñecidos.

Unicamente consérvanse dúas referencias directas contemporáneas do Mestre Mateo, a primeira delas, datada o 23 de febreiro de 1168, serve para sinalar a súa presenza na catedral, e ten forma de privilexio, asinado polo rei Fernando II, concedéndolle unha pensión vitalicia pola dirección das obras na catedral.

A segunda referencia figura na inscrición conmemorativa da colocación dos linteis sobre os que se asenta o tímpano central do Pórtico da Gloria. No epígrafe faise constar que foron colocados o 1 de abril de 1188 polo Mestre Mateo, que se encargou da dirección das obras “desde os alicerces”.

O proxecto de Mestre Mateo na catedral

Aproximadamente, entre os anos 1168 e 1211, o Mestre Mateo dirixiu un ambicioso proxecto na catedral de Santiago de Compostela, -cuxa construción se iniciou cara ao ano 1075 polo seu extremo oriental-…

Leer máis

Aproximadamente, entre os anos 1168 e 1211, o Mestre Mateo dirixiu un ambicioso proxecto na catedral de Santiago de Compostela, -cuxa construción se iniciou cara ao ano 1075 polo seu extremo oriental-, que incluíu a conclusión das obras e a súa adecuación espacial para os usos cerimoniais dun templo que, ao mesmo tempo, era santuario apostólico, meta de peregrinación, sede episcopal e catedral de referencia da monarquía galaico-leonesa, a cal apoiou decididamente o proxecto.

O papel do Mestre Mateo no proxecto da catedral viuse, ao longo da historia, de diferente maneira, unhas veces como arquitecto, outras como escultor ou como ambos. Hoxe en día hai coincidencia entre os expertos, en sinalalo como un gran artista á fronte dun importante taller que, baixo as súas ordes, levou a cabo un proxecto capital para a catedral.

O proxecto do Mestre Mateo iniciouse pola conclusión dos últimos tramos das naves e a tribuna, continuou pola construción da cripta e do Pórtico da Gloria, aberto ao exterior por unha monumental fachada; seguiu polo coro pétreo policromado que, completando o discurso do Pórtico, situouse na nave central e, por fin, culminouse con outras actuacións ao exterior e ao interior do templo, entre elas, coa colocación sobre o altar maior dunha imaxe sedente de Santiago o Maior que se converteu en punto de referencia para fieis e peregrinos.

A fachada exterior do Pórtico da Gloria

O conxunto do Pórtico da Gloria completábase cunha fachada que se abría ao exterior, á actual praza do Obradoiro, a través dun gran arco central que repetía as medidas do tímpano do pórtico que, deste xeito, podería verse desde fóra, pero protexido polo espazo do nártex, tras a citada portada…

Leer máis

O conxunto do Pórtico da Gloria completábase cunha fachada que se abría ao exterior, á actual praza do Obradoiro, a través dun gran arco central que repetía as medidas do tímpano do pórtico que, deste xeito, podería verse desde fóra, pero protexido polo espazo do nártex, tras a citada portada.

A fachada do Mestre Mateo sufriu unha primeira modificación, nos anos 1520-1521, pola decisión do Cabido de colocar portas ao exterior que pechasen a catedral, que ata entón permanecía sempre aberta.

Posteriormente, entre 1738 e 1750, levouse a cabo a fachada barroca que substituíu á mateana.

No Museo Catedral expóñense importantes restos recuperados da desaparecida fachada do Mestre Mateo. Por unha banda, elementos arquitectónicos procedentes da mesma, caso de varios fragmentos do gran arco central, entre eles, a súa clave con anxos astróforos; un dos rosetóns que bañaban de luz o interior da catedral ou unha parella de doelas coa representación do castigo dos luxuriosos que se corresponderían coa porta ao lado sur da fachada.

Así mesmo, recuperouse parte do seu conxunto escultórico, que completaba o discurso iconográfico do Pórtico da Gloria. Algunhas pezas consérvanse, hoxe en día, noutros lugares; e catro delas expóñense neste espazo: as imaxes dos reis David e Salomón, unha magnífica cabeza barbada e unha estatua-columna que desprega unha gran cartela e que, probablemente, correspóndese coa representación dun dos profetas menores.

A partir de todos estes materiais e do estudo estrutural do conxunto, propuxéronse diversas hipóteses acerca da aparencia da fachada, da colocación dos seus elementos e dos personaxes representados na súa portada.

O coro pétreo do Mestre Mateo

O proxecto do Mestre Mateo tamén incluíu a construción dun coro pétreo policromado, que ocupaba os primeiros tramos da nave. A principios do século XVII foi destruído e substituído por un novo coro de madeira, que á súa vez, tamén foi retirado a mediados do século XX.

Leer máis

O proxecto do Mestre Mateo tamén incluíu a construción dun coro pétreo policromado, que ocupaba os primeiros tramos da nave. A principios do século XVII foi destruído e substituído por un novo coro de madeira, que á súa vez, tamén foi retirado a mediados do século XX.

Do coro pétreo do Mestre Mateo tamén se foron recuperando importantes elementos, que se conservan, principalmente, no Museo Catedral, onde se expón unha reconstrución hipotética parcial, así como outras pezas que dan mostra da grandeza do que foi descrito, pouco despois da súa destrución, como “o máis fermoso coro antigo que había en España”.

Só os cóengos da catedral poderían acceder ao interior do coro e, por ese motivo, o programa iconográfico desenvolvido nos seus relevos, principalmente localizados na crestería que remataba o cadeirado, era complexo e estaba destinado exclusivamente a eles. Pola súa banda, o programa dos seus muros exteriores e da fachada do trascoro, centrado na Xerusalén celeste que describe a Apocalipse, continuaba e complementaba o discurso do Pórtico da Gloria.

O Pórtico da Gloria como espacio sacro

Coa construción do Pórtico da Gloria, o Mestre Mateo culminou o cerramento occidental da catedral románica e, ao mesmo tempo, creou un espazo sacro, con personalidade propia, dentro da basílica xacobea, organizado en tres niveles en altura…

Leer máis

Coa construción do Pórtico da Gloria, o Mestre Mateo culminou o cerramento occidental da catedral románica e, ao mesmo tempo, creou un espazo sacro, con personalidade propia, dentro da basílica xacobea, organizado en tres niveles en altura.

O nivel inferior é a Cripta, na que se representa o mundo terreal e, por tanto, necesitado dos astros para iluminarse, o que explica os anxos que portan, respectivamente, o sol e a lúa, que aparecen nas claves das bóvedas da Cripta e que, se repetían, no gran arco central da fachada exterior.

No nártex desenvólvese a parte principal do programa iconográfico do Pórtico da Gloria, de contido apocalíptico e salvífico. Por unha banda, temos a tripla arcada, onde se describen, a través de esculturas e relevos, seguindo as Sacras Escrituras, a Antiga e a Nova Alianza, nos arcos laterais; e a Gloria, tras a segunda vinda de Cristo, no arco central.

Esta tripla arcada, complétase coa contrafachada, onde se continúa desenvolvendo o programa, coma se dun escenario se tratase, no que se está representando, en pedra policromada, un drama litúrxico segundo modelos habituais da época, principalmente, o Ordo Prophetarum, cuxo texto axuda a identificar a moitos dos personaxes esculpidos. O espazo sacro tiña, así mesmo, a súa prolongación ao exterior a través dunha fachada na que se sucedían os protagonistas e que, ao mesmo tempo, iluminaba, con gran sentido escenográfico, o interior, facendo ver que as imaxes tomaban vida en determinados momentos.

Por fin, na tribuna, complétase, segundo o relato da Apocalipse, co Año de Deus, adorado por anxos con incensarios, un relevo que permanecía constantemente iluminado, tal e como indica San Xoán na descrición da Xerusalén Celeste, cuxa “luz é o año”.

O Pórtico da Gloria é, por tanto, moito máis que un acceso ao interior da catedral; trátase dun espazo singular no que o fiel tiña unha experiencia espiritual e no que, ademais, terían lugar representacións e cerimonias solemnes en ocasións sinaladas.

O Pórtico da Gloria

¿Por onde comezamos?

Os basamentos e a primeira orde de columnas

No Pórtico da Gloria, o Mestre Mateo modificou o modulo arquitectónico utilizado no resto da catedral románica, algo que se fai evidente desde os mesmos basamentos do conxunto. Neles, insire, entre o plinto…

Leer máis

No Pórtico da Gloria, o Mestre Mateo modificou o modulo arquitectónico utilizado no resto da catedral románica, algo que se fai evidente desde os mesmos basamentos do conxunto. Neles, insire, entre o plinto e as basas, un corpo intermedio poboado de animais reais e fantásticos, extraídos do bestiario medieval. A interpretación máis habitual é que simbolizarían os aspectos negativos do mundo terreal, oprimidos baixo a Gloria de Deus.

Entre todos os personaxes representados, chama a atención o do parteluz, onde aparece unha figura barbada, montada sobre dous leóns, aos que suxeita e abre as fauces coas súas mans. Un modelo que, simplificado, repítese nos basamentos dos extremos do Pórtico.

Esta escena, situada nun lugar destacado, servindo de apoio ao gran piar sobre o que se asenta o tímpano central e no que, en sentido ascendente, se desenvolve un programa centrado na xenealoxía humana e divina de Cristo, tivo diversas interpretacións: Sansón, Adán e mesmo Gilgamesh. É probable, con todo, que teña que ver coa historia descrita no Libro de Daniel e, neste caso, coa pasaxe do foso dos leóns.

Co episodio das catro bestas do mesmo libro estarían relacionados o resto de escenas; salvo a do piar dereito do arco central onde se representaría o castigo ao rei Nabucodonosor de Babilonia.

Sobre os basamentos iníciase o ascenso á Gloria a través dun primeiro corpo de columnas, todas lisas e de granito, salvo tres delas –ademais da do parteluz-, que teñen relevos labrados en mármore. As dúas situadas en primeiro lugar de cada lateral, presentan decoración en helicoidal que segue a organización das arcadas, á esquerda con temática relacionada coa Antiga Alianza e a da dereita, co Xuízo Final. Pola súa banda, a terceira, situada no piar dereito do arco da esquerda, presenta características diferentes, con diversas figuras entre abundante ramaxe e vexetación.

O Santo dos Croques

Polo nome de Santo dos croques, coñécese popularmente a imaxe axeonllada, de rizados cabelos, que se atopa situada no reverso da base da columna…

Leer máis

Polo nome de Santo dos croques, coñécese popularmente a imaxe axeonllada, de rizados cabelos, que se atopa situada no reverso da base da columna do parteluz do Pórtico da Gloria, mirando cara ao altar e ofrecendo ao apóstolo Santiago a súa obra mestra.

Leva a súa man dereita ao peito e, na esquerda, desprega unha longa cartela, hoxe borrada, na cal podería lerse a palabra “architectus”, que se completaría co “fec( it)” que aínda se ve nun lateral do basamento.

A tradición e diversos estudos coinciden en sinalar que esta figura corresponderíase co autorretrato, idealizado, do Mestre Mateo, representado como paradigma do “artista intelectual”. Iso supón un feito excepcional na súa época e demostra a especial consideración que tivo o Mestre Mateo, cuxa imaxe acabaría chegando a ser venerada como Santo dos croques.

Era costume de composteláns e visitantes, e de aí o seu nome, aproximar a súa cabeza á do Santo dos croques para que este transmitise a súa sabedoría, un rito que tivo que ser suprimido por motivos de conservación.

O parteluz

Servindo de asento aos linteis do tímpano central do Pórtico, nun lugar de especial protagonismo dentro do conxunto, atópase o parteluz, formado por un gran bloque granítico do que emerxe un feixe de estilizadas columnas…

Leer máis

Servindo de asento aos linteis do tímpano central do Pórtico, nun lugar de especial protagonismo dentro do conxunto, atópase o parteluz, formado por un gran bloque granítico do que emerxe un feixe de estilizadas columnas.

O fuste da columna central é de mármore e nela represéntase, en relevo, a xenealoxía humana de Cristo, desde Xesé, que é o personaxe que aparece tombado na parte inferior, de cuxo peito parten as ramas da árbore, ata a Virxe María, que remata a parte superior.

Inmediatamente a continuación represéntase, no capitel da Trindade, a natureza divina de Cristo, representado como o Neno que, sentado no colo do seu Pai, á súa vez entronizado, bendí cunha man e leva o Libro da Lei na outra.

Especial protagonismo, pola súa localización na parte superior do parteluz, sobre o citado capitel, adquire a figura do apóstolo Santiago, sentado sobre un trono, co báculo en tau, e unha gran cartela na que se facía alusión á misión apostólica de Santiago o Maior nestas terras. Con esta imaxe, o Mestre Mateo reforza o carácter intercesor do apóstolo, que recibe ao fiel ás portas da súa catedral e axudaralle a alcanzar a Gloria en premio á súa peregrinación. Ademais, introduce, con esta peza, un modelo iconográfico que terá gran desenvolvemento posterior e que, pouco tempo despois, o propio Mateo repetirá na imaxe sedente que preside, desde 1211, o altar maior da catedral.

O conxunto do parteluz remátase cun gran capitel no que, con especial sentido narrativo, de esquerda a dereita, se representan os intentos infrutuosos do demo por tentar a Cristo, cuxa imaxe triunfal eríxese, inmediatamente a continuación, presidindo o gran tímpano.

As estatuas-columna

O cambio no modelo arquitectónico do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria, permitiulle o uso de dúas ordes de columnas e, na superior, a incorporación dunha nova achega artística coa utilización das estatuas-columna, descoñecidas ata entón na arte hispánica…

Leer máis

O cambio no modelo arquitectónico do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria, permitiulle o uso de dúas ordes de columnas e, na superior, a incorporación dunha nova achega artística coa utilización das estatuas-columna, descoñecidas ata entón na arte hispánica.

Iso permitiu ao Mestre Mateo ampliar os personaxes representados e o discurso iconográfico, á vez que definir o sentido escenográfico do Pórtico da Gloria, a través dos diálogos, xestos e miradas que se establecen entre as figuras, dun naturalismo absolutamente inédito na Galicia da época.

Parece claro, seguindo a propia organización das arcadas do Pórtico da Gloria, que no lado da esquerda se representarían figuras do Antigo Testamento, e no dereito, do Novo, secuencia que se prolongaría ata os extremos da contrafachada. Con todo, ao perderse o contido das cartelas que portan a maior parte das figuras e non contar, ademais, con atributos definitorios, resulta complexo afirmar de forma concluínte unha identidade para cada unha delas, salvo en exemplos concretos.

É o caso das imaxes situadas nos piares laterais do arco central, onde aparecen, no lado esquerdo, Moisés, Isaías, Daniel, co seu lendario sorriso; e Xeremías, identificados polas súas cartelas e que se acompañan, ademais, do texto que porta un anxo situado na mocheta: “Os profetas predicaron que o Salvador nacería da Virxe María”.

Pola súa banda, no piar ao lado dereito, en clara correspondencia coas imaxes enfrontadas, atópanse os apóstolos Pedro, Paulo, Santiago, que aparece por segunda vez no Pórtico; e Xoán; acompañados dun anxo na mocheta portando a inscrición: “Estes son os triunfadores, foron feitos amigos de Deus”.

Para o resto de estatuas-columna, situadas nos piares dos arcos laterais, hai varias identificacións posibles, podendo tratarse, no lado esquerdo, dos profetas Habacuc, Ezequiel, Malaquías e Oseas. Pola súa banda, no lado dereito, a secuencia de apóstolos continuaría con Andrés, Santiago Alfeo, Felipe e Tomás.

O arco da esquerda

No arco da esquerda conservouse menos policromía que noutras zonas do Pórtico, a pesar de que, estruturalmente, atópase en mellores condicións de conservación que o da dereita. Iso é debido, como se puido comprobar na restauración do conxunto, a unha retirada intencionada…

Leer máis

No arco da esquerda conservouse menos policromía que noutras zonas do Pórtico, a pesar de que, estruturalmente, atópase en mellores condicións de conservación que o da dereita. Iso é debido, como se puido comprobar na restauración do conxunto, a unha retirada intencionada.

A interpretación das dúas arquivoltas que compoñen o arco, completadas por un perfil superior con decoración vexetal, deu lugar a diversas hipóteses, sempre relacionadas co Pobo de Israel e, por tanto, co Antigo Testamento e o devir do pobo elixido con anterioridade ao nacemento de Xesús.

Na arquivolta superior, unha serie de figuras atópanse aprisionadas por un ancho bocel que percorre a parte central da peza, representando, posiblemente, aos patriarcas das tribos de Israel, suxeitas á lei de Moisés.

Pola súa banda, na arquivolta inferior, o Mestre Mateo recupera un tema propio da arte bizantina, extraído dun dos evanxeos apócrifos, a anástasis, isto é, o descenso de Cristo, antes da súa resurrección, ao limbo, para salvar aos xustos, que, con forma de nenos, van sendo coroados e axudados por anxos no seu paso á Gloria, representada no arco central.

O arco da dereita

O arco da dereita organízase en dúas arquivoltas, cun perfil superior, neste caso, poboado de figuras de anxos que se adaptan á forma e dimensións do mesmo…

Leer máis

O arco da dereita organízase en dúas arquivoltas, cun perfil superior, neste caso, poboado de figuras de anxos que se adaptan á forma e dimensións do mesmo.

En ambas as arquivoltas represéntase o Xuízo Final, coas cabezas de Cristo, na superior; e San Miguel, na inferior, ocupando as súas claves e separando, ao mesmo tempo, por medio das cartelas que despregan, en sentido ascendente, coas súas mans, aos benaventurados dos condenados, que aparecen representados a ambos os dous lados do arco.

Deste xeito, á esquerda podemos ver unha sucesión de nenos que, en grupos, son levados por anxos cara á Gloria do arco central. Son os benaventurados que, segundo o relato apocalíptico, herdarán o Reino de Deus e cantarán un cántico novo ante El.

Mentres, alén, demos de rostros monstruosos afánanse en castigar aos condenados polos seus pecados, escenas que se reproducen con gran crueza e un evidente sentido moralizante e exemplarizante que, sen dúbida, causarían gran impacto ao espectador medieval.

O arco central e o tímpano

O programa iconográfico desenvolvido, polo Mestre Mateo, no Pórtico da Gloria, ten a súa culminación no gran arco central e no seu tímpano, presidido pola imaxe de Cristo en Maxestade, triunfador sobre a morte e redentor dos homes…

Leer máis

O programa iconográfico desenvolvido, polo Mestre Mateo, no Pórtico da Gloria, ten a súa culminación no gran arco central e no seu tímpano, presidido pola imaxe de Cristo en Maxestade, triunfador sobre a morte e redentor dos homes. A imaxe ten, polo uso da perspectiva xerárquica, un tamaño considerablemente superior ao resto. Áchase sobre un trono, que se asenta, a cada lado, sobre dous leóns; mostra as feridas ocasionadas durante o seu martirio e está acompañado, seguindo o relato da Apocalipse, polos catro evanxelistas e os seus símbolos respectivos.

Na parte inferior do tímpano obsérvase a inscrición dos seus linteis, na que se fai constar que foron colocados o 1 de abril de 1188 polo Mestre Mateo, que dirixiu as obras “desde os alicerces”. Sobre os linteis, atópase a procesión dos Arma Christi, na cal, cun gran sentido cerimonial, seguindo a liturxia propia da catedral compostelá, represéntase a unha serie de anxos portando os instrumentos utilizados na Paixón de Cristo.

O resto do tímpano está ocupado, a ambos os dous lados, por figuras de nenos coroados que manteñen unha actitude de oración. Trátase, tamén seguindo o relato apocalíptico, das imaxes dos Xustos e os Benaventurados que, coa axuda de anxos, chegaron á Gloria desde os arcos laterais do Pórtico da Gloria.

Por último, na arquivolta, os vinte e catro anciáns que describe San Xoán na Apocalipse, prepáranse para interpretar a súa música celestial cos instrumentos que están a terminar de afinar. Ademais do simbolismo que encerran estas imaxes e os seus instrumentos, destaca a coidada exactitude coa que están representados, que permitiu, a través de reproducións e investigacións, a recuperación da música da época do Pórtico da Gloria.

A contrafachada

O Pórtico da Gloria é unha hierotopía, un espazo sacro con personalidade propia e, orixinalmente, tiña uns usos determinados e específicos que condicionaban o seu programa iconográfico, os seus accesos, comunicación co resto do templo, etc…

Leer máis

O Pórtico da Gloria é unha hierotopía, un espazo sacro con personalidade propia e, orixinalmente, tiña uns usos determinados e específicos que condicionaban o seu programa iconográfico, os seus accesos, comunicación co resto do templo, etc.

Na contrafachada séguese a mesma estrutura do propio Pórtico, axudando, deste xeito, á configuración dese espazo sacro. Viuse alterada, primeiro, coa reforma da portada cara a 1520 e, posteriormente, a mediados do século XVIII, coa substitución da fachada mateana pola nova do Obradoiro, pero, con todo, segue mantendo unha especial relación, en miradas, xestos e actitudes, coa escena principal, que se desenvolve fronte a ela e, en particular, co tímpano central.

Nas estatuas-columna dos seus extremos, continúase a secuencia dos piares do Pórtico, á dereita coa probable representación do profeta Balaam e, á esquerda, con Xudas Tadeu. O resto de personaxes corresponderíanse, cun sentido precursor da escena principal do tímpano, coa procesión dos profetas do Ordo Prophetarum, drama litúrxico medieval que adquiriu especial difusión nas catedrais da época. Entre eles estarían, de esquerda a dereita, o poeta Virxilio, Xoán o Bautista, a Raíña de Saba e a Sibila Eritrea.

Sobre as citadas estatuas columna, no arranque dos arcos, unha sucesión de anxos e serafíns, que se diferencian daqueles por ter tres pares de ás no canto dun, portan longas cartelas, hoxe borradas, e mostran unha actitude de adoración cara á imaxe de Cristo en Maxestade que preside o tímpano situado fronte a eles.

A restauración do Pórtico da Gloria

Entre os anos 2008 e 2018, o Pórtico da Gloria someteuse a unha profunda e complexa restauración que contou co mecenado da Fundación Barrié e que estivo dirixida pola Fundación Catedral e o Instituto do Patrimonio Cultural de España…

Leer maís

Entre os anos 2008 e 2018, o Pórtico da Gloria someteuse a unha profunda e complexa restauración que contou co mecenado da Fundación Barrié e que estivo dirixida pola Fundación Catedral e o Instituto do Patrimonio Cultural de España.

Tras unha fase de estudos previos sobre o estado de conservación e causas da deterioración da obra, procedeuse ás intervencións sobre o conxunto, centradas, principalmente, en dous aspectos: corrixir as filtracións de humidade e os problemas de condensación no Pórtico da Gloria e, en segundo lugar, recuperar a policromía que se conservaba baixo o po e a sucidade. Deste xeito, salvouse unha obra cume da arte medieval, que recuperou parte do seu esplendor.

Como resultado da restauración, puidéronse reconstruír virtualmente as tres capas completas que se aplicaron na obra, a orixinal, en tempos do Mestre Mateo; a segunda, nas primeiras décadas do século XVI e a terceira a principios do século XVII. Xunto a elas, tamén se aprecian outras intervencións parciais, como a realizada nas encarnacións polo pintor Crispín de Evelino en 1651.

Todas estas capas están presentes na actual visión do Pórtico da Gloria, que ofrece unha panorámica inédita na que, a modo de caleidoscopio, móstranse vestixios das transformacións que viviu o Pórtico ao longo da historia a través da policromía.

Quen é quen no Pórtico da Gloria

Fai clic na imaxe para agrandala

Créditos
  • Promove: Fundación Catedral de Santiago
  • Dirección e contidos: Ramón Yzquierdo Peiró
  • Fotografías: Archivo fotográfico de la Fundación Catedral de Santiago
  • Deseño: Sotronic Innovation Technology S.L.
  • Música: Resonet – Música Antiga. (Dirección: Fernando Reyes)

Queda prohibida a reprodución parcial ou total de contido e imaxes sen a autorización da Fundación Catedral de Santiago. Todos os dereitos reservados.

A restauración do Pórtico da Gloria foi posible grazas ao patrocinio da Fundación Barrié.

catedraldesantiago.es

Aviso legalPolítica de privacidade | Política de cookies