A Catedral de Santiago renova a iluminación da Biblioteca e Sala Capitulares

A Fundación Catedral de Santiago continúa a desenvolver o proxecto de renovación de iluminación no Museo. Nestes momentos acábanse de rematar os traballos correspondentes á Biblioteca e á Sala Capitular, dous espazos patrimoniais que se atopan no edificio claustral.

O proxecto permitiu renovar as luminarias, substituíndoas por novos focos led, o que permite mellorar a eficiencia enerxética. Ademais fíxose unha nova distribución, de maneira que a iluminación súmase ao concepto expositivo, resaltando os aspectos destacados da arquitectura.

Estes traballos foron realizados coa colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), da Xunta de Galicia.

A Sala Capitular é o lugar de reunión tradicional do cabido catedralicio. Xunto coa Biblioteca Capitular, ambas son froito da remodelación realizada no século XVIII por Lucas Ferro Caaveiro.

Destaca, na Sala Capitular, a espectacular bóveda realizada en granito, con profusa decoración de temática xacobea. Nela, ademais, expóñense unha serie de tapices de orixe flamenca do século XVII, do taller dos Van der Hecke, que representan episodios das Guerras Púnicas. Pola súa parte, na Biblioteca Capitular consérvanse exemplares de coleccións bibliográficas procedentes, en grande medida, do legado do cóengo Pedro de Acuña y Malvar, así como o grande facistol de Gregorio Español e Juan Davila, do século XVII, que se empregaba para as lecturas no coro. Tamén nesta sala se gardan os dous Botafumeiros actuais que posúe a catedral.