A Real Academia Galega de Belas Artes entrega a súa Medalla de Honra á Fundación Catedral de Santiago

A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou hoxe unha sesión extraordinaria pública con motivo da entrega da Medalla de Honra da RAGBA á Fundación Catedral de Santiago. O acto celebrouse no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ao que asistiron o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo; o vicepresidente da RAGBA, Celestino García Braña que fixo a laudatio; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua; o director da S.A. de Xestión do Xacobeo, Ildefonso Campa; o Arcebispo de Santiago, Monseñor Francisco José Prieto Fernández; o Arcebispo Emérito de Santiago, Julián Barri e o Deán da Catedral, José Fernández Lago.

A Medalla de Honra da Academia distingue a institucións galegas que traballan na promoción das artes e que acadan unha fonda repercusión, entre as que xa foron recoñecidas a Deputación da Coruña, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, a Fundación Caixagalicia, a Fundación Caixa Vigo, a Deputación de Lugo, Manuel Colmeiro Guimarás, a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Colexio de Arquitectos de Galicia e o Museo do Pobo Galego. Manuel Quintana Martelo deu os seus parabéns á Fundación Catedral polo recoñecemento. Recolleu o galardón o Arcebispo, Monseñor Francisco Prieto, como presidente da Fundación Catedral de Santiago.

Celestino García Braña destacou na lectura da laudatio que a Fundación Catedral, «merece todos os recoñecementos da RAGBA e de toda a sociedade galega. Consolidouse en poucos anos como o instrumento estratéxico necesario para a rehabilitación do complexo catedralicio. O traballo que realiza a Fundación Catedral entronca con todo o pasado catedralicio na medida en que case todas as súas partes reclaman a atención reparadora nun traballo que require unha profunda investigación, que se realiza nun permanente diálogo coa historia construída da Catedral. Foi un traballo indispensable, amplamente colectivo e o único posible para manter a dignidade da Catedral. Estas obras de rehabilitación constitúen o cuarto gran momento na historia da gran mole catedralicia compostelá como expresión do presente arquitectónico que nos tocou vivir”.