Comeza a retirarse a cápsula de madeira do Pórtico da Gloria

A catedral de Santiago, un espazo único

Concluída en 2018 a restauración do Pórtico de la Gloria, ao iniciarse as obras nos interiores e cubertas da Catedral decidiuse protexelo cunha arquitectura efémera, especialmente deseñada para evitar tanto o contaxio co ambiente das naves onde, durante as obras, ía incrementarse considerablemente o nivel de humidade, como a contaminación polo pó e axentes químicos procedentes dos traballos de restauración. Unha terceira razón, non de menor importancia, consistía en estabilizar as condición ambientáis do nártex intermedio, monitorizado desde o inicio da intervención para controlar a humidade e a luz, factores que, como é sabido, inciden de forma notoria e activa na conservación do patrimonio pictórico recentemente restaurado.

A transmisión culta deste monumento de categoría universal estriba na combinación harmónica das súas dimensións relixiosa e espiritual, patrimonial e turística, con cadanseu valor desde o punto de vista da liturxia, o simbólico, a conservación e o goce. A Fundación Catedral tivo presente en todo momento a necesidade de recuperar, cando as condicións o permitiran, a unicidade espacial da basílica e o Pórtico da Gloria.

Coa Catedral monitorizada desde hai anos para rexistrar as variables ambientais, ao finalizar agora a restauración dos interiores e cubertas, escalinata e cripta, así como dos lenzos norte e sur, e liberado o templo de estadas e demais elementos de obra, foi posible comprobar que o ambiente das naves e o Pórtico tende a equilibrarse, nunha conxuntura de mellora do clima e coa eliminación das filtracións de auga. Considerouse, pois, chegado o momento de recuperar o espazo único, nunha primeira fase rebaixando a altura da cápsula de madeira ata 1,80 m e retirándoa logo totalmente, o día 22 de xullo.

É necesario afirmar que, en todo caso, o nivel de presenza de público no Pórtico da Gloria será limitado. É un principio xeralmente aceptado que, para a óptima conservación do patrimonio de excepcional valor e sensibilidade, as visitas nunca poderán ser masivas, para evitar o incremento dos índices de vapor de agua na atmosfera interior e garantir a seguridade. Estas limitacións veñen aplicándose desde hai décadas nos bens máis relevantes do patrimonio mundial.

Por outro lado, é evidente que as visitas secuenciadas facilitan a apreciación cultural do patrimonio e a transmisión dos seus valores espirituais, pois diso se trata: a masificación conduce á banalización. Tendo en conta estes criterios, establécese a regulación do réxime de acceso, sexa de pago ou gratuíto, así como un sistema de control climático adecuado.

Se polo seguimento dos rexistros se advertise o perigo de alteración no equilibrio climático e o conseguinte risco para as pinturas do Pórtico, adoptaranse as medidas oportunas para a súa protección, sempre flexibles e reversibles, que se anunciarán no seu momento.

(Foto: Denís E. F.)