Concerto da Escolanía da Catedral e a Orquestra da Universidade

PROGRAMA CONCERTO

ESCOLANÍA DA CATEDRAL DE SANTIAGO – ORQUESTRA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

Domingo 29 de abril de 2018, 21:00h

Obertura Coriolano Op. 62, L. Van Beethoven (1770 – 1827)

Cantata nº 4   Christ lag in Todesbanden, J. S. Bach (1680 – 1750)

Versus II     Den Tod niemand zwingen kunnt

Versus III     Jesus Christus Gottes Sohn

Sinfonía nº 94 Hob. I:94 “A Sorpresa”, J. Haydn (1732-1809)

Ave María, F. Ibáñez Irribarria (1951)

Pavana, G. Fauré (1845-1924)

Entrada libre


A Orquestra da Universidade celebrará este vindeiro domingo día 29 de abril ÁS 21h un concerto colaborativo onde xunto co Coro da Escolanía da Catedral interpretarán diferentes obras para repertorio de voces brancas ademáis da obertura Coriolano de Beethoven e a Sinfonía nº 94, «A sorpresa» de Haydn.

Esta é a segunda ocasión na que a Orquestra Universitaria participa na Catedral Compostelán; foi no ano 2016 cando polo seu V aniversario celebraba un concerto extraordinario por esta efeméride onde ademais valeu de presentación da súa primeira publicación discográfica «Un lustro de historia», un Cd dobre que recolle diferentes directos interpretados nestes primeiros cinco anos de andaina deste proxecto.

Arestora a Orquestra da Universidade ven de consolidarse como un dos proxectos de música de mocidade e amateur de Galicia contando dende os seus inicios ate o de agora con máis de 500 mozos e mozas participantes dos cales na súa maioría son universitarios, pero tamén inclúe alumnado de diferentes procedencias educativas musicais.

Este concerto quere reflectir un ano académico con moi diferentes aportacións e vinculados a proxectos en diferentes eidos: En outubro a orquestra ven de celebrar o seu 1º Premio de Composición Amateur celebrando a estrea de tres obras gañadoras ex aequo dentro das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela. Como ven sendo habitual en decembro a OUSC celebra o Concerto de Nadal na Igrexa da Universidade con éxito de público sen precedentes. No pasado mes de marzo é convidada por vez primeira a participar no ciclo de Lugares e Órganos organizado polo concello de Santiago de Compostela, asumindo deste xeito un programa adicado á música antiga, onde os participantes xunto co público puideron coñecer de preto as características de seu deste período histórico musical.

Este concerto que se celebrará na Catedral de Santiago será o broche de ouro á culminación dun curso académico prolífico onde a agrupación universitaria dirixida por Mario Diz e onde a agrupación Catedralicia dirixida por José Luís Vázquez colaboraran como vez primeira e agardemos que non como única, con obras da talla de J. S. Bach, escolma da cantata nº4 Christ lag in Todesbanden.  A pavana Op.50 de G. Fauré e o Ave María de F. Ibáñez Irribarria.

Escolanía da Catedral de Santiago

A Escolanía da Catedral de Santiago é un dos coros con máis historia da cidade. Foi refundada no ano 2008 por iniciativa do Cabildo e, desde esa data, vén compaxinando en todo momento as súas actuacións regulares en actos litúrxicos dentro da Catedral con concertos fose do recinto catedralicio.

Na súa aínda curta existencia, xa interpretou obras como a 3ª Sinfonía de Gustav Mahler, On Christmas Night de Vaughan Williams, Stabat Mater de Pergolesi e o Crebanoces de Piotr Illich Tchaikovski, con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia. Tamén actuou con directores como Paul Daniel e Maximino Zumalave, e con cantantes como Claudia Huckle, Mercedes Hernández, Antonio Fajardo e María Altadill.

Así mesmo, cantou con grupos de renome como Resonet, dirixidos por Fernando Reyes, en festivales como o de Músicas Contemplativas e o Festival Internacional Peregrinos Musicais, e con agrupacións como a Banda Municipal de Santiago, dirixidos por Casiano Mouriño, e a Orquesta Praeludium, dirixidos por Mateo Iglesias. Cabe apuntar a súa actuación en acontecementos tan relevantes como a visita do Papa Benedicto XVI, a Santiago.

É destacable a súa representación da ópera Brundibár, do checo Hans Krasa, sendo Cándido Pazó o director de escena e monologuista, e a súa actuación co cantante Amancio Prada, interpretando o seu Cántico Espiritual (letra de S. Juan da Cruz).

Compartiu escenario con coros como o da Comunidade de Madrid, os Nenos Cantores da Sinfónica de Galicia, o Georgia Boy Choir (Atlanta, EE.UU.) e a Escolanía de Lluc (Mallorca). Actuou en lugares como o Auditorio de Galicia, Catedral de Mallorca, Concatedral de Ferrol, Monasterio de Lluc (Mallorca), Teatro Afundación (Vigo), Teatro Principal (Santiago), Igrexa do Carme (Ferrol), en varios programas da TVG (Polo camiño dá fe e Luar), así como en diversos concertos benéficos e certámenes.

É o coro anfitrión do tradicional Concerto de Nadal que se celebra na Catedral de Santiago, patrocinado polo Banco SabadellGallego.

Na celebración da súa 5º aniversario, publicou o que, ata a data, é o seu único disco, Á Porta do Paraíso, no que se mostra o traballo realizado nese período.

O coro, que na actualidade está formado por uns 40 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 9 e 17 anos e dirixido, dende o seu refundación, por José Luís Vázquez, director, así mesmo, dos Nenos Cantores da Sinfónica de Galicia e do Coro Cardeal Quiroga da Catedral de Santiago, pretende ser un verdadeiro centro de canto coral e lugar de formación tanto musical como de novas voces.

Con este fin, e o de ofrecer formación ao máis alto nivel a todos os seus compoñentes, a Escolanía acaba de incorporar á soprano Mercedes Hernández como profesora de canto e de asinar recientemente un Convenio de Colaboración co Conservatorio Histórico de Santiago polo que os compoñentes da Escolanía, pertencendo á mesma, poden completar os seus estudos musicais.

Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela

A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, no seus inicios Orquestra do Espazo de Cámara nace co obxectivo de impulsar nos xóvenes universitarios e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música.

Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, o grupo que conforma a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria aformación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Para este fin, conta e agradece todo tipo de colaboracións, que se van plasmando de xeito diverso en cada proxecto.

Dende o 2010 a Orquestra da Universidade afondou en proxectos tan ilusionantes como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento, o Concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo, monográfico sobre Astor Piazzolla, monográfico sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga.

Na tempada 2014-15 interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi.

En colaboración coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela realizan unha versión do musical Sweeney Todd de Stephen Sondheim. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto a Sinfónica de Galicia, e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas.

Incorporándose ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia, asi como profesores relevantes do ámbito musical galego a Orquestra da USC recentemente foi incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan orquestras de máis de 28 nacionalidades de toda Europa.