O vindeiro luns 26 de xullo de 2021 ás 21h na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela a voz do escritor e patriarca das letras galegas, D. Ramón Otero Pedrayo, volverase a escoitar nunha audición aberta.
Todos os que se acheguen á praza poderán volver escoitar unha brillante conferencia sobre Xelmírez, o primeiro arcebispo de Compostela. Otero, considerado un dos grandes oradores do século XX en Galicia, pronunciou a conferencia no refectorio do Pazo bispal o 15 de xullo de 1952.
A conferencia, nun vibrante castelán no que Otero introduce palabras en galego como un dos rasgos estilísticos propios, ten toda a intensidade épica e o poder evocador dos mellores textos de Pedrayo. Achegándose a Xelmírez D. Ramón consegue trasladar ao seu auditorio ao século XII e revive un dos momentos máis épicos da historia compostelana. A través das elocuentes palabras de Pedrayo veremos converter a cidade no que hoxe é, unha das tres cidades santas da cristiandade, xunto con Roma e Xerusalem.
A voz portentosa de Ramón Otero Pedrayo permítenos ser testemuñas de todas as intrigas, revoltas e guerras que o primeiro arcebispo de Santiago de Compostela tivo que protagonizar ata conseguir a consagración do Palio para Compostela e a concesión da dignidade metropolitana. Unha aventura poucas veces contada e nunca narrada coa paixón coa que o fai nesta gravación Otero Pedrayo.
A gravación permaneceu oculta e esquecida no arquivo familiar do oftalmólogo Dr. Antón Beiras nunha bobina de fío de aceiro. Desa bobina conseguiuse rescatar o son orixinal e a voz de Otero Pedrayo cobrará de novo vida nas pedras do Obradoiro tras someterse a un proceso de dixitalización, edición e masterización.
Para introducir e despedir a conferencia de Otero Pedrayo gravouse ex profeso coa coñecida voz do actor Miguel Pernas unha breve introdución e despedida que contextualiza a conferencia para todos os que descoñezan a historia de cómo chegou a nós o son orixinal desta peza. Ao tempo que se reproduce o son na praza do Obradoiro, 25 testemuñas de excepción farano tamén dentro do Pazo de Xelmírez no mesmo sitio onde se pronunciou no seu día o discurso, o coñecido como Refectorio do Pazo de Xelmírez, unha das poucas estancias de románico civil que se conservan na actualidade.
Ficha Conferencia Xelmírez
Título: Xelmírez, un podcast de 1952.
Duración: 40min
Orador: Ramón Otero Pedrayo
Data do discurso: 15 de xullo de 1952
Lugar do discurso: Refectorio do Pazo de Xelmírez (Catedral de Santiago de Compostela).
Idioma: Castellano
Contexto: inauguración de curso de arte medieval. Universidade de Santiago de Compostela.
Contido/Temas: a vida de Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago, as súas relacións cos monarcas do seu tempo e co papado, a consecución da dignidade metropoliltana para Compostela, o pío latrocinio de reliquias en Braga, as revoltas populares en Compostela na época de Xelmírez…
Soporte de arquivo sonoro: Bobina de fío de aceiro.
Fonte de Gravación: Antón Beiras
Custodia: Arquivo familiar Beiras Cal.
Tranferencia e dixitalización: Audio Restauración.
Estudio de son, edición e masterización: Área 5.1
Locución de texto introdutorio e de peche: Miguel Pernas.