A Escolanía da Catedral de Santiago convoca novas probas de acceso

A Escolanía da Catedral de Santiago abre un novo proceso de selección de voces para incorporarse á agrupación. Neste sentido, convócanse dúas probas, o 30 de setembro e o 2 de outubro, ás 18:00 h. Dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 15 anos, para participar na proba é preciso escribir a escolania@catedraldesantiago.es indicando o nome e a idade do candidato ou candidata e o seu interese en participar na proba.

A Escolanía da Catedral, coñecida como “Anxos de Compostela”, foi fundada por Mariano Pérez Gutiérrez, pouco tempo despois de ser nomeado mestre de capela en 1964. Esta iniciativa proporcionou a moitos nenos composteláns o seu primeiro contacto coa música e, en bastantes casos, a experiencia determinante para converterse en músicos profesionais. Este coro de voces brancas foi creado para solemnizar a liturxia da catedral compostelá, pero axiña adquiriu gran prestixio, chegando a participar no famoso certame de Loreto (Italia), onde tiveron a oportunidade de cantar unha misa retransmitida por Eurovisión a toda Europa en abril de 1968.

Continuaron o labor da Escolanía Nemesio García Carril (1969-1980) e Xavier Méndez a partir de 1982, pero a súa repentina morte un ano despois provocou que o coro iniciase un longo período de inactividade.

En 2008, o Cabido catedralicio propúxose refundar a Escolanía e encomendou esta tarefa a José Luis Vázquez, quen conseguiu que as voces dos “Anxos de Compostela” volvesen soar entre os muros da catedral e máis alá, xa que tiveron unha importante presenza no panorama musical da cidade participando en festivais e colaborando con agrupacións e artistas destacados. Tamén contan cunha gravación: “Á porta do Paraíso”.

Na actualidade o coro conta con 25 voces e está dirixido por Sofía Rodríguez, quen mantén vivo o espírito da súa fundación: ser un referente do canto coral para a cidade e lugar de formación musical para nenos e nenas de Santiago de Compostela e a súa comarca.