A Fundación Catedral de Santiago acaba de rematar os traballos de reordenación museográfica do espazo sacro formado pola capela das Reliquias e Panteón Real, un lugar de grande importancia histórica e artística no conxunto catedralicio e que forma parte do percorrido de visita do Museo.
En concreto, a Fundación Catedral, a través da Casa da Fábrica, realizou o proxecto de reordenación museolóxica e museográfica, que permitiu renovar a cartelería e outros elementos expositivos, e instalou un novo sistema de iluminación, máis artístico e eficiente, a partir dun proxecto de Ignacio Valero, quen dirixiu o novo sistema de iluminación da basílica xacobea, realizado en 2020.
De maneira paralela, e grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a través dos seus premios sobre o Reino Medieval de Galicia, púxose en marcha un proxecto de posta en valor e difusión do Panteón Real. En concreto, editouse un amplo libro, preparado a modo de catálogo con textos de varios autores expertos, e un folleto para o público visitante. Tamén se programou unha páxina web (panteonrealdecompostela.gal), á que tamén se pode acceder dende a propia web do Museo (museocatedraldesantiago.gal). Ademais, realizáronse un total de nove vídeos divulgativos, pensados para a súa publicación en web e en redes sociais. O programa completouse cun proxecto educativo, orientado tanto a escolares como adultos. Todos estes contidos poden descargarse nas devanditas webs.
A capela das Reliquias é un dos espazos máis senlleiros da Catedral de Santiago. Dende o século XVI alberga o coñecido como Panteón Real, por reunir nela unha serie de enterramentos de reis e personaxes influíntes do Reino Medieval de Galicia. Neste espazo están os sepulcros de Fernando II (1137-1188) e Afonso VIII (IX) (1171-1230). Xunto a eles está a Raíña Berenguela (1108-1149), nai de Afonso VII, a quen Xelmírez coroou rei de Galicia en 1111, cando apenas tiña 7 anos de idade. Tamén están enterrados o conde de Galicia, Raimundo de Borgoña (1065-1107), esposo de Urraca, filla de Afonso VI, a quen sucederá no trono (se ben hai estudosos que opinan que este sepulcro corresponde realmente ao infante Fernando, fillo de Afonso VIII) e o Conde de Traba, Pedro Froilaz (1075-1126), quen foi escollido para educar a Afonso VII. Por último, no Panteón Real xace Xoana de Castro, dama nobre galega que chegou a ser raíña de Castela polo seu matrimonio con Pedro I e que faleceu en 1374.