A versión en galego da páxina web da Catedral de Santiago de Compostela adoptará a finais deste mes xullo o dominio .gal (catedraldesantiago.gal). A Catedral de Santiago foi unha das entidades que se acolleu á iniciativa do Programa Pioneiros, da Asociación puntoGAL, de maneira que poderá utilizar este dominio uns catro meses antes que a maioría das outras webs. Esta iniciativa da Catedral enmárcase no seu compromiso coa cultura galega, sabedora de que se trata dun dos símbolos identitarios da terra. Neste sentido, A Asociación puntoGAL presentou este martes os 93 seleccionados no seu Programa Pioneiros nun acto que tivo lugar no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. As empresas, administracións, fundacións e asociacións que figuran na lista de pioneiros serán as primeiras en poder activar un enderezo co .gal a partir do día 25 de xullo.