Este martes 14 de decembro, o Deán da Catedral de Santiago, D. José Fernández Lago, procedeu a bendicir o belén de grandes dimensións, propiedade da catedral de Santiago, e que este ano estará instalado na igrexa de Santa María do Camiño. Asistiu tamén a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Este belén está realizado en estilo napolitano. Conta con arredor de cincocentas figuras, realizadas de maneira artesanal, vestidas, e moitas deles con automatismos que permiten darlle movemento. Con preto de 50 m2, este ano vai estar na igrexa barroca de Santa María do Camiño, pequeno templo que se ergue xunto ao acceso do Camiño Francés na zona histórica. Elixiuse esta ubicación para non afectar aos aforos da Catedral, especialmente nas celebracións litúrxicas propias do tempo de Nadal. Ademais do Nacemento de Xesús, a Anunciación aos pastores e o cortexo dos Reis Magos, represéntanse multitude de esceas de vida cotiá e oficios tradicionais. E propiedade da Catedral de Santiago, grazas á colaboración de Turismo de Galicia.
Poderase visitar ata o próximo 9 de xaneiro, de 11 h a 14 h e de 16 h a 21 h (os días 24 e 25 de decembro e o 31 de decembro e 1 de xaneiro, en horario de mañá).