A Fundación Catedral de Santiago ven de presentar un programa educativo dirixido ao alumnado galego, de todas as idades, que ten como obxectivo principal dar a coñecer e afondar na historia da catedral compostelá e nas súas coleccións artísticas, e que inclúe diferentes visitas didácticas de carácter temático.
O programa constará de visitas adaptadas a diferentes idades, nas que o alumnado percorrerá os espazos cos que conta o Museo Catedral coma o edificio claustral, o Pazo de Xelmírez ou o Pórtico da Gloria, entre outros. Todas elas integrarán diferentes dinámicas educativas e abranguerán a diversidade do alumnado.
A temática das visitas será diversa, con lugar para as emocións, da man das cores e da música no Pórtico da Gloria; e para o xogo, da man da iconografía na colección artística do museo e de personaxes como Dona Urraca e Diego Xelmírez. Tamén haberá espazo para o alumnado da ESO e Bacharelato, levándoos a aqueles lugares que atopan nos libros de historia e reflexionando arredor da presenza das mulleres nos museos e na arte.
O programa, realizado a través da convocatoria de axudas destinadas a centros museísticos da Comunidade Autónoma de Galicia, foi levado a cabo polas historiadoras da arte Marina Pérez Toro e Lucía Hidalgo Portomeñe, baixo a coordinación dos responsables do Museo Catedral de Santiago, e prevé comezar a finais de 2023.
Esta proposta sumarase aos programas de visitas xa desenvolvidos polo Museo Catedral e será completamente gratuíta para os centros escolares previa reserva. O profesorado contará cun repositorio online, ao que poderán acceder a través da páxina web do Museo Catedral (www.museocatedraldesantiago.es), no que atoparán materiais dispoñibles para descarga cos que os centros poderán traballar previa e posteriormente nas aulas, así como documentos informativos para a formación do profesorado e dirección e-mail de contacto.