Esta mañá, o Deán da Catedral de Santiago, D. Segundo Pérez, e a director de Turismo de Galicia, Nava Castro, inauguraron a montaxe do Belén que dende hoxe se pode visitar na capela do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela (rúa Carretas, 33).
Este belén, duns 30 m2, representa diferentes esceas evanxélicas relacionadas co nacemento de Xesús, a modo de secuencia temporal, de maneira que percorrendo todo o seu perímetro poden observarse as pasaxes da Anunciación, a propia Natividade, a Aparición aos Pastores, os Reis Magos e a Fuxida a Exipto. As construcións están realizadas sobre base de madeira e porexpán, revestidas con pastas cerámicas e escaiola, pintadas con acrílicos, acuarelas e óleos. Comezouse a construir en 2006, e tardou dous anos en rematarse. Dende 2014 é propiedade da Catedral de Santiago, grazas á colaboración de Turismo de Galicia. Visitable durante o horario de apertura da Oficina do Peregrino: de 10:00h a 19:00h (pechado o 25 de decembro e o 1 de xaneiro).