Nace o proxecto MuSar Dixital

O Museo Colexiata de Sar, como parte do seu proceso de dinamización cultural, acaba de iniciar o proxecto MuSar dixital, que permitirá poñer a disposición do público unha serie de recursos en liña relacionados coa arte e a historia deste importante conxunto monumental de Santiago de Compostela.

Como primeiro paso, realizouse unha reconstrución virtual do que sería o aspecto da igrexa, tanto no seu interior como no exterior, no século XIII, é dicir, no momento de remate das obras. Este traballo foi desenvolvido logo dun longo proceso de investigación histórica, dirixida polo historiador Victoriano Nodar. A reconstrución tridimensional correu a cargo de Alejandro Vázquez Durán. O resultado pode consultarse na páxina web musar.gal

No que se refire ao aspecto da igrexa de Sar no século XIII, o máis rechamante, ademais da ausencia dos arbotantes exteriores, moi posteriores, é a fachada oeste cos tres rosetóns dos que dispuxo orixinalmente. Tamén a ausencia de bóvedas no interior e a presenza dun falso triforio sobre as arquerías que separan as naves.

Este proxecto de reconstrución virtual realizouse a través da convocatoria de axudas destinadas a Centros Museísticos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

MuSar Dixital