Restauración das pinturas da capela de San Pedro

Estes días están a rematar os traballos de recuperación das pinturas murais da capela de San Pedro, na xirola da catedral. Este espazo conta cun amplo conxunto de pinturas, que ocupan os paramentos e a bóveda. Trátase dunha boa mostra de pintura do século XVI, atribuída a Jordan Gonçalves, que nesa época traballa noutros poxectos da catedral. O ciclo pictórico xira en torno á figura do titular da capela, San Pedro, que se mostra representado na parte central da bóveda, en grande tamaño, entronizado, e cos atributos papais. Rodéase de distintos personaxes, tanto relixiosos como civís, que veñen representar a universalidade da Igrexa. Oculto polo retablo, aínda se conserva unha chamativa escena, que fai alusión ao relato do «Quo vadis, Domine», no que Xesucristo, cargando coa cruz, aparécese a Pedro, que está fuxindo de Roma. Ao atoparse, o apóstolo pregúntalle a Xesús «Onde vas?» (Quo vadis?, en latín), ao que lle responde, «veño ser crucificado de novo». Pedro comprende as palabras do Mestre e, entón, regresa a Roma para ser martirizado. O ciclo pictórico complétase nos laterais con representacións de San Xoán Bautista, a conversiónde San Paulo e un interesante Santiago Peregrino, que, pola súa solocación, é especialmente visible polos peregrinos que atravesan a Porta Santa.

Todo o conxunto fora parcialmente restaurado a finais do século XX, se ben, na actualidade, presentaba diversas afectacións, derivadas principalmente da humidade, o que provocou disgregacións e fracturas, así como a aparición de sales e velos branquecinos. Agora, unha vez resolto o problema trala rehabilitación de todas as cubertas da cabeceira, procedeuse a actuar para limpar e recuperar as pinturas, incluíndo traballos de consolidación e reintegración.

O proxecto, dirixido dende a Fundación Catedral de Santiago, foi desenvolvido pola empresa de restauración Petra, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.