Traballos de conservación na capela maior

Nestes días, a Fundación Catedral de Santiago está a realizar traballos de conservación na capela maior, como parte do seu plan de restauración continuada. Concretamente, desenvólvense labores de limpeza na reixería de prata e no camarín que alberga a escultura do Apóstolo Santiago. Trátase, principalmente, de elementos elaborados en prata e prata sobredourada, realizados no século XVIII por importantes ourives, como son Juan de Figueroa, no caso do sagrario (1701), ou Ángel e Jacobo Piedra, no caso das reixas dos corredores laterais (1765).

De maneira paralela execútanse traballos de limpeza no baldaquino barroco, estructura realizada en madeira dourada, de grandes dimensións, e que conta cun bo número de esculturas, o que supón un traballo complexo para os restauradores. O baldaquino é unha das obras máis orixinais e senlleiras que realizou na catedral o artista barroco Domingo de Andrade.

Todos estas actuacións, coordinadas dende a Fundación Catedral, forman parte do denominado plan de restauración continuada, e responden á triple premisa de coidar, reparar e revitalizar. Non afectarán ao normal desenvolvemento das celebracións, polo que, tanto as Misas do Peregrino, como o rito do Abrazo ao Apóstolo, poderanse seguir realizando con normalidade.