Turismo de Galicia colabora coa Catedral na atención ao peregrino

A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, colabora un ano máis na atención ao peregrino, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Catedral de Santiago e que permitirá dispoñer tanto de recursos materiais como humanos.

Desta maneira, mellórase a atención e os servizos que se ofrecen no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela. Neste espazo, ademais de recibir a Compostela, os peregrinos poden utilizar espazos de encontro e de intercambio de experiencias, ademais de zonas de descanso. Tamén no Centro, a Xunta dispón dunha Oficina de Información e é sede da Cátedra do Camiño de Santiago.