
Dende hoxe pode visitarse no Pazo de Xelmírez a exposición Tesouros de Compostela. O legado Ángel, conformada por unha selección de obras realizadas pola ourivería Ángel nos seus talleres de Santiago, Ourense e Vigo, dende os anos trinta do século pasado, ata 2003. Trátase de creacións en ouro, prata, esmalte ou marfil, principalmente vencelladas ao ámbito litúrxico, varias delas pertencentes á Catedral de Santiago, como o recoñecido tríptico do Cardeal Quiroga. A elas súmanse outras pezas propiedade da familia, froito de diversas adquisicións realizadas ao longo dos anos
Foi José Iglesias quen mantivo o prestixio do taller e tenda de prataría Ángel, ubicada ata 2008 na praza de Praterías, no baixo da Casa da Conga. Agora, os seus descendentes poñen a disposición do público toda a colección, froito non só das súas propias creacións, senón tamén diversas adquisicións realizadas ao longo dos anos. Neste sentido, a mostra agrupa unha extensa variedade de materiais arqueolóxicos, decorativos, artísticos e funcionais de diferentes épocas, os máis deles, vencellados á cidade de Santiago de Compostela. Trátase dun extenso catálogo de obxectos habituais no enxoval de moitos composteláns que inclúe xoiaría, ourivaría, artes decorativo-suntuarias, escultura, bibliofilia.
As pezas expostas permiten comprobar a pegada e o gusto que tiveron os mestres locais, a influencia dos obradoiros internacionais e, tamén, a bagaxe da escultura e imaxinería relixiosa compostelá. Ademais, pódese visualizar a evolución no tempo das obras e as técnicas de produción.
Observando esta exposición será posible entrar nas casas dos composteláns que nos precederon e coñecer unha parte dos obxectos que os acompañaron en cada momento, así como descubrir tamén a destreza, o gusto e as habilidades dos artesáns que os crearon.
Esta exposición, formada pola Colección Ángel, é o resultado do aprecio e a sensibilidade de varias xeracións dunha familia compostelá pola estética, o gusto e a preservación daqueles obxectos que formaron parte tanto do seu patrimonio como do uso dos habitantes da cidade de Santiago e mais de Galicia.
A mostra ven ser continuación da organizada xunto coa Universidade de Santiago no Pazo de Fonseca en 2024.