O Museo Colexiata de Sar desenvolve un proxecto de recuperación da figura de Bernardo II, Arcebispo de Compostela no século XIII

O Museo Colexiata de Sar está levando a cabo un proxecto cultural que está a supoñer a recuperación da figura de Bernardo II, Arzobispo de Santiago de Compostela entre os anos 1224 e 1247.  Nese ano no, o prelado renunciou ao seu cargo, para vivir, retirado, no priorado de Sar.

Esta iniciativa ven ser unha continuación do programa MuSar Dixital, que está a poñer a disposición do público unha serie de recursos en liña relacionados coa arte e a historia deste importante conxunto monumental de Santiago de Compostela. 

O principal testemuño que temos de Bernardo II é o seu propio sepulcro, situado na igrexa de Sar, considerado sepulcro máis antigo conservado dun arcebispo compostelán. A tumba consiste nun leito decorado con dúas elaboradas inscricións e unha tapa na que se esculpiu a efixie do arcebispo. Trátase dunha das mellores esculturas de mediados do século XIII de Santiago de Compostela e representa o prelado con traxe pontificio cos ollos pechados nunha especie de «morte-sono». Agora, grazas a este novo proxecto, procedeuse a dixitalizar o sepulcro, mediante técnicas de láser 3D de alta resolución, xerando un modelo tridimensional preciso. O proceso conservou tanto a morfoloxía xeral da peza como os detalles iconográficos da figura e as inscricións en relevo da cista. Posteriormente, aplicouse unha texturización realista mediante IA, que reproduce fielmente a materialidade e a pátina superficial da pedra. O resultado é un rexistro dixital completo que facilita o estudo histórico e artístico, os estudos de conservación e a difusión do ben cultural sen arriscar danar o orixinal. O resultado xa se pode ver na web musar.gal e na canle de Youtube.

Todo este estudo abrirá un novo camiño no descoñecido século XIII compostelán, xa que, ademais de realizar un estudo completo da tumba, buscarase dar a coñecer a súa figura a través das redes sociais, charlas e visitas. De maneira complementaria, editarase un libro monográfico, no que historiadores, xunto a un epigrafista e unha restauradora, abordarán a figura de Bernardo II e o seu contexto histórico.

O proxecto desenvólvese grazas ao Programa de subvencións FO215 da Deputación da Coruña para o ano 2025, no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.