A Catedral de Santiago conserva unha importante colección de tapices, formada por máis dun cento de pezas, das cales, a metade pode verse exposta no museo catedralicio. Agora, grazas á colaboración da Deputación ds Coruña, estase a desenvolver un proxecto de posta en valor e de actualización do estudo desta colección. En especial, o proxecto está permitindo volver estudar aqueles tapices que, por falta de espazo, principalmente, non están expostos. Neste sentido, estanse a fotografar, ademais de comprobar o seu estado de conservación. Todo este proceso permite, tamén, anovar a catalogación destas pezas históricas, de maneira que poda servir de referencia para os futuros investigadores.
O resultado final materializarase na publicación dun amplo libro catálogo, ademais doutros materiais divulgativos, tanto físicos como dixitais, e un monográfico web do Museo Catedral. O programa complétase co organización de visitas didácticas.
A colección de tapices da catedral está considerada como unha das mellores e máis importantes de España, ao reunir máis dun cento de obras de extraordinaria calidade artística e histórica, saídas dos deseños de grandes mestres da pintura, como Rubens ou Goya. Ademais, inclúe auténticas xoias de orixe flamengo, procedentes dos famosos talleres de Bruselas dos séculos XVI e XVII.
Foi tras a morte do cóengo Pedro Acuña y Malvar, quen ocupara importantes cargos políticos nas cortes de Carlos III e de Carlos IV, un personaxe ilustrado que, en Madrid, conseguiu facerse cunha importante biblioteca e colección artística, destacando os seus tapices, adquiridos en diferentes almonedas das coleccións reais, que se facían cando se mudaban as decoracións dos reais sitios. O legado testamentario de Acuña concedeu á catedral compostelá a súa biblioteca, que hoxe é parte importante da colección bibliográfica histórica da catedral e, tamén, os seus tapices e alfombras. A documentación conservada no Arquivo catedralicio acredita o ingreso das pezas, realizados os trámites oportunos, no ano 1815. Aínda que todas as pezas do legado de Acuña eran de temática profana, mesturando escenas mitolóxicas con populares e costumistas, mantiveron a súa función de engalanar os muros da catedral e do claustro nas principais solemnidades.
No ano 1928, cando o Cabido decidiu abrir os, naquel momento, chamados Museos catedralicios, máis dunha planta completa da área do edificio claustral, foi dedicada ao que se deun en chamar, durante moito tempo, o Museo de Tapices, hoxe integrado, a modo de ámbito temático, no Museo Catedral de Santiago.