A Catedral reincorpora a táboa da Penitencia de San Domingos no seu antigo coro de madeira

A Fundación Catedral de Santiago procedeu nestes días á colocación, no seu espazo orixinal, da táboa de madeira que representa a Penitencia de San Domingos, recentemente doada polo Museo de Melide, onde se expoñía dende que o doutor Ricardo Calvo a cedera, logo da retirada, na década de 1940, do coro que se levantaba na nave central da Catedral de Santiago.

Hai case un ano, no Museo de Melide, o seu director, Xosé Manuel Broz, e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, asinaron o documento de doazón á catedral de Santiago da táboa do vello coro. Este coro lígneo, realizado en 1606 por Gregorio Español e Juan Davila, foi retirado na década dos anos 40 do século XX e, tras diversas vicisitudes, foi recolocado no coro alto da igrexa de San Matiño Pinario, onde hoxe pode visitarse. Durante o proceso de retirada do coro, unha das táboas dos sitiais acabou en mans do médico odontólogo Ricardo Calvo García, quen a cedeu ao Museo de Melide, mediante un pacto de palabra na que estiveron presentes, entre outros, o doutor Eladio García, que asistiu como testemuña e asinante de palabra. As condicións establecían que dita táboa debía permanecer no Museo de Melide ata o falecemento de Ricardo García e da súa dona, pasando logo a propiedade definitiva do Museo. Neste senso, unha vez finiquitada dita cláusula polo falecemento dos doadores, a peza propiedade xa do Museo, pode ser cedida á Catedral para a súa restitución no espazo para o que foi concibida.

Antes da súa restitución, o equipo de restauración da Fundación Catedral analizou o seu estado de conservación, procedendo a realizar os traballos de restauración necesarios.