Descubrindo a Catedral
A Catedral de Santiago é un templo vivo que acolle a centos de miles de peregrinos e axúdalles, desde as coordenadas da confesión católica, pero con apertura a outras vivencias e crenzas a reafirmarse ou descubrirse como seres espirituais.
Ao mesmo tempo, a Catedral é unha marabilla da arte universal, concentrando realizacións de gran valor desde as súas orixes construtivas, alá no apoxeo do románico hai 900 anos, ata a irrupción do neoclasicismo na segunda metade do século XVIII, pasando por excepcionais achegas góticas, renacentistas e barrocas.
Un templo tan complexo require unha permanente atención restauradora que durante o século XX non puido ser o intensa e eficaz que sería desexable. Así, nos inicios do século XXI constatouse a necesidade de coidalo e poñelo en condicións de lucir en todo o seu esplendor o seu valor espiritual e estético.
Para iso ponse en marcha este programa que denominamos DESCUBRINDO A CATEDRAL, porque, certamente, as tarefas que se acometen restauran, pero tamén descobren a riqueza oculta desta impresionante construción.
O programa arrincou cun traballo técnico rigoroso, o Plan Director de 2010, ao redor do cal xa se realizaron intervencións construtivas financiadas polo Ministerio de Fomento do Goberno de España, pola Xunta de Galicia, polo Consorcio de Santiago e pola propia Catedral, que agora son impulsadas polo convenio subscrito entre o Ministerio de Facenda e a Xunta, complementado co que permite desenvolver este entre a Xunta e a Fundación Catedral para executar investimentos ata o ano 2020 por valor de 17 millóns de euros.
Con anterioridade, desde hai xa 12 anos, A Fundación Barrié de la Maza financia a restauración do Pórtico da Gloria, no marco do seu Programa Catedral, que completa a inxente tarefa que se está acometendo.
Co propósito de dar a coñecer os traballos que se efectúan, de informar das alteracións que en canto ao uso do templo esas obras van provocar e das alternativas que se van a poñer a disposición de fieis, peregrinos e visitantes, e de descubrir as belezas ocultas da Catedral que este programa vai desvelar, créase este espazo de información, espiritualidade e cultura: DESCOBRE CONNOSCO A CATEDRAL.
Nos anos 2017 a 2020 desenvolveranse a maior parte dos traballos de conservación e restauración da Catedral executados ao amparo do convenio entre o Ministerio de Facenda e a Xunta e o que permite executar os investimentos financiados naquel, que subscribiron a Xunta e a Fundación Catedral. Nesta sección infórmase do estado de tales actuacións.
OBRAS EN EXECUCIÓN
Cubertas da nave principal e cruceiro (1): renovación das cubertas, mellorando a impermeabilización e a ventilación.
Panda norte do claustro (2): levantamento da cuberta e da terraza que cubre a panda norte do claustro, para a súa renovación, executando unha estrutura de madeira e acabado de tella e unha terraza plana con acabado de lousas de granito.
OBRAS FINALIZADAS
Fachada da Azabachería: restauración do conxunto arquitectónico (2009)
Fachada da Quintana: restauración do Pórtico Real, en 2010, e actuacións na Porta Santa (patio e reixa), en 2015.
Torre do Reloxo: restauración do conxunto arquitectónico no seu parte exterior e, parcialmente, no interior.
Zócalos Capela Maior: primeira fase da restauración dos zócalos de mármore que delimitan a Capela Maior.
Cimborrio: restauración do conxunto arquitectónico, tanto a fábrica medieval como a barroca, recuperando as fiestras oxivais orixinais.
Cubertas da cabeceira: renovación das cubertas da Capela Maior e capelas da xirola, introducindo novas solucións que favorezan a ventilación.
Fachada oriental do claustro e esconce, Torre do Tesouro e cubertas da á oriental do claustro: limpeza e restauración en fachadas, saneamento da cuberta, executando unha nova estrutura de madeira e renovando a cubrición de tella. Restauración de carpintarías de madeira e elementos especiais tales como crestería, escudos, medallóns e reixas renacentistas.
Fachada da Quintana e patios da Porta Santa e Patio de Abades: limpeza e restauración dos paramentos e intervencións na terraza sobre a tribuna do deambulatorio, balaustrada e pináculos.
Paramentos verticais da xirola e paramentos interiores e bóvedas de nave central, transepto, naves laterais e triforio: restauración do conxunto dos paramentos interiores e bóvedas do interior da basílica, xunto con outros elementos, tales como portadas, carpinterías, vidrieirasey reixas.
Capela Maior: restauración das pinturas da bóveda, baldaquino e altar de prata e reixas.