Catedral

Historia

Bernardo o Vello, Mestre Admirable, e Roberto, inician a construción da Catedral Románica no ano 1075, baixo o reinado de Afonso VI e sendo Bispo D. Diego Peláez. Tras esta etapa inicial, diversos avatares suspenden ou, cando menos, ralentizan as obras, ata que toman un novo impulso nos tempos do Arcebispo Xelmírez, no ano 1100, a cargo do Mestre de Praterías; pouco a pouco a construcción da Catedral irá avanzando ao longo do século XII, encargándose en 1168 ao Mestre Mateo a finalización da mesma, incluíndo o peche occidental e a construcción do Coro na nave maior. No ano 1211 celébrase a consagración da Basílica coa presenza de Afonso IX.

Aínda que a estrutura medieval mantívose no fundamental, ao longo dos séculos a Catedral foi variando a súa fisonomía coa construción no Renacemento do Claustro e os seus espazos anexos e, sobre todo no Barroco, no que se realizan obras como a capela maior, os órganos, o peche da cabeceira ou a fachada do Obradoiro, entre outras importantes actuacións. Durante o Neoclasicismo realízase a nova fachada de Acibechería e nos últimos cen anos seguiron realizándose novas actuacións.

Arte

Fachada do Obradoiro

A fachada occidental da Catedral medieval chegou aos nosos días a través de debuxos realizados por Vega e Verdugo. No século XVI fanse as primeiras reformas da fachada e nos primeiros anos do século XVII Ginés Martínez fai a escaleira renacentista pola que se accede á Catedral.

Nos tempos de Vega e Verdugo, na segunda metade do XVII acométense diversas intervencións na fachada e nas torres, aínda que non será ata 1738 cando Fernando de Casas derrube a antiga fachada e inice a construción da actual, caracterizada polos seus grandes vans e pola grande riqueza decorativa e iconográfica, na que participan importantes artistas composteláns da época; e queda enmarcada polas torres das Campás e da Carraca, adquirindo unha estampa universalmente coñecida.

Cabeceira

A Cabeceira da Catedral románica era unha sucesión de capelas e portas con apariencia irregular e asimétrica. Por elo, coa finalidade de ornamentar a cabeceira e estruturar o espazo circundante, o Canónigo Vega e Verdugo proxectou un peche para a cabeceira, traballos que se prolongaron ata o século XVIII. O resultado é un peche ornamental de pedra, tras o cal se atopa boa parte da estrutura orixinal, organizado en tres lenzos nos que se abren por igual número de portas: a Porta Real, a Porta Santa e a Porta dos Abades.

Fachada da Acibechería

Substituíndo á medieval fachada do Paraíso, o Francígena, derrubada en 1758, a da Acibechería, proxectada por Lucas Ferro Caaveiro, remátase polo seu discípulo Domingo Lois Monteagudo en 1759, en estilo Neoclásico, aínda que mantén algunhas fórmulas barrocas. Coa destrución da antiga fachada algunhas das súas obras trasladáronse á de Praterías e outras consérvanse no Museo Catedral de Santiago. Ao mesmo tempo que se construíu a nova fachada reorganizouse todo  o espazo da actual Praza da Inmaculada, coa fachada do Monasterio de San Martiño Pinario e o novo Pazo Episcopal.

Fachada das Praterías

Situada no extremo sur do cruceiro, trátase da única fachada románica que queda da Catedral, mantendo a súa arquitectura orixinal sen apenas transformacións, a excepción da incorporación de relieves procedentes doutras partes da Catedral e a construción aos lados da Torre do Reloxo e da Fachada do Tesouro. Entre a sucesión de esceas que se representan nos seus relieves cabe destacar as correspondentes á Vida de Cristo, ubicadas nos tímpanos: Epifanía, Flagelación, Coronación de Espinas, etc. No lado dereito e no esquerdo nárranse as Tentacións de Xesús no deserto. As diferencias entre os relieves indican a participación de distintos autores e a posibilidade de que se incorporen á fachada logo do incendio da Catedral no 1117. Tamén destacan as esceas, colocadas sen orde aparente, do friso e dos extremos da fachada. Algunhas destas obras proceden da antiga Fachada do Paraíso (Norte), destruída en 1758. Santiago entre Cipreses, a Represión de Adán e Eva e, sobre todo, a imaxe de David, do Mestre de Praterías, son algunhas das esceas máis destacadas. Xunto á Fachada de Praterías levántase á Torre do Reloxio, concebida no século XIV, sobre cuxa base levantou Domingo de Andrade, no Barroco, a esbelta torre que alberga o reloxio e as campás.

Claustro

O claustro plateresco é un dos principais de España, obra de Juan de Álava e de Rodrigo Gil Hontañón, de 1521 a 1559. Actualmente atópase incluido no percorrido do Museo Catedral de Santiago, ao igual que varias das súas dependencias anexas, como a Biblioteca, a Sala Capitular, o Tesouro ou a Capela de Reliquias.

Botafumeiro

O termo galego “Botafumeiro” significa “o que bota fume” e refírese ao gran inciensario existente na Catedral compostelana. A primeira referencia documental que se ten do Botafumeiro é unha anotación nunha folla do Códice Calixtino no que se lle chama “Turibulum Magnum”. Ao longo da historia houbo varios botafumeiros; actualmente hai dous exemplares, un de latón que data de 1851 e é obra de José Losada, que veu a substituír ao roubado durante a ocupación francesa e que é o que habitualmente se emprega. O segundo Botafumeiro é unha réplica en prata do anterior e foi regalado ao Apóstolo polos Alféreces Provisionais en 1971. Unicamente se coloca no cruceiro da Catedral cando funciona e gárdase habitualmente na Biblioteca Capitular. O Botafumeiro emprégase, ou ben nas solemnidades litúrxicas da Catedral, durante a procesión de entrada, ou ao finalizar a Eucaristía. Este gran inciensario quere simbolizar a verdadeira actitude do crente. Así como o fume do incienso sube ao máis alto das naves do tlempo, así tamén as oracións dos peregrinos deben alzarse cara o corazón de Deus. E así o perfume do incienso perfuma toda a basílica compostelana, de igual modo o cristián, coas súas virtudes e co seu testemuño de vida, debe impregnarse do bo olor de Cristo, na sociedade na que vive.

Pórtico da Gloria

O Rei Fernando II encarga, en 1168, ao Mestre Mateo a finalización das obras da Catedral compostelana, comprendendo a construción dos últimos tramos das naves e o peche occidental da basílica. Para isto o Mestre Mateo debe salvar o importante desnivel do terreo, para o que constrúe a Cripta do Pórtico; así como o Coro Pétreo, que ocupaba os primeiros tramos da nave maior. O Mestre Mateo, conxugando influencias francesas, italianas e hispanas, concibe o peche occidental da Catedral con un pórtico de granito policromado que, polas súas características estilísticas, apunta á transición á arte gótica: o Pórtico da Gloria, obra cumio da arte hispánica da súa época. Segundo a inscrición que figura neles, os dinteles do Pórtico foron colocados polo Mestre Mateo o día 1 de abril de 1188. No Pórtico desenvólvese todo un programa iconográfico inspirado na Apocalipse que ilustraría, de forma práctica e comprensible aos fieles que acudiron á Catedral.

Ante-tesouro

Vestíbulo con bóvedas nervadas que comunica o interior da Catedral coa Capela de Reliquias-Panteón Real, o Tesouro-Capela de San Fernando e o Claustro. Nel expóñense diversas pezas procedentes de ofrendas de peregrinación.

Tesouro

Orixinalmente comunicado coa actual Sacristía, foi Capela de Reliquias ata que esta se trasladou, en 1641, á súa ubicación actual. Durante o pouco máis dun século que tivo esta función, as reliquias atopáronse no Retablo-Caxonada, obra de Cornielles de Holanda que recentemente foi recuperado e colocado, en lembranza das súas orixes, nun dos laterais da Capela. O Retablo, ahora musealizado, recuperou a función contenedora para a que foi creado, aínda que amosando unha selección de pezas do Tesouro catedralicio, pois as que no seu día ocuparon as súas vitrinas exhíbense, entre outras moitas, no actual retablo de Reliquias. En 1677 este espazo pasou a ser Capela de San Fernando e colocouse a imaxe do Santo, obra que Juan de Seone, que preside o altar neorrenacentista. Nos laterais do alta atópanse o Tríptico que Orense regalou, en 1953, ao Cardenal Quiroga Palacios e o capelo catedralicio e, no outro lado, o Retablo de alabastro policromado con esceas da vida de Santiago que, en 1456, regalou o Párroco de Chal, na Illa de Wight, John Goodyear. O Tesouro é un espazo rectangular cuberto con bóvedas de crucería asentadas sobre ménsulas. Nos lunetos consérvanse pinturas murais de 1536, realizadas por Pedro Noble, representando a Ascensión e a Asunción; e nas hornacinas amósanse importantes pezas da colección de orfebrería da Catedral, como a Custodia Procesional, obra de Antonio de Arfe, ou a Esclavina, que ata fai uns anos vestiu a imaxe de Santiago que preside o altar maior da Basílica.

Sacristía

A través dunha portada plateresca que pertence ao conxunto claustral e se atopa situada no brazo suroeste do cruceiro se accede, en primeiro lugar ao vestíbulo e, a continuación, á Sacristía. En ambos espazos, de fermosas arquitecturas cubertas con bóvedas de crucería, atópanse algúns dos mellores exemplos da colección de pintura da Catedral, con obras de Gregorio Ferro, García de Bouzas, etc.

Os órganos

Ocupan a parte alta dos primeiros tramos da nave, sobre o espazo que se atopaba o Coro catedralicio. Foron realizados entre os anos1705-1709 por Miguel de Romay e Antonio Alfonsín, condicionados por premisas e solucións achegadas por Domingo de Andrade.

Porta Santa ou do Perdón

Aberta no século XVI na súa ubicación, na Porta Santa unicamente ábrese durante os Anos Santos Composteláns (aqueles nos que a festividade de Santiago Apóstolo se celebra en domingo). Flanqueada por dúas imaxes procedentes do Coro Pétreo do Mestre Mateo, as follas de bronce colocáronse no Ano Santo 2004, representando esceas da vida de Santiago e da peregrinación a Compostela.

Lauda de Teodomiro

Bispo de Iria no momento do descubrimento dos restos do Apóstolo, a lauda de Teodomiro apareceu nas excavacións arqueolóxicas realizadas no brazo sur do cruceiro da Catedral no ano 1955. A tradución da inscrición é: “Neste túmulo descansa o Servo de Deus Teodomiro;A traducción da inscripción é: “Neste túmulo descansa o Servo de Deus Teodomiro; Bispo de Iria Flavia que finou nas XIII Calendas de novembro da era DCCCLXXXV (20 de outubro de 847).

Baptisterio

Situado no ángulo sudeste da planta da Basílica, trátase dunha gran pila prerrománica na que, segundo a tradición, bebeu o cabalo de Almanzor en 997. Desde fai uns anos sobre o muro sur instalouse o Calvario gótico do antigo trascoro da Catedral.

Capela de Alba

Situada no extremo noroeste do Claustro, desde o que se acceder ata ela, foi fundada en 1529 e destaca polo seu magnífico retablo, vinculado ó obradoiro do compostelán José Gambino e coa segura participación de Ferreiro. Representa a Transfiguración e, para a súa parte baixa, reutilizaronse as imaxes do obradoiro de Mateo de Prado dun retablo anterior.

Capela das Reliquias e Panteón Real

Espazo abovedado con influencias do gótico burgalés, foi concibido orixinalmente para o Cabido; en 1536 pasa a ser Panteón Real ó trasladarse alí, desde a actual Capela de Santa Calina, os sepulcros reais da coroa leonesa e a súa familia. Remodelado nos primeiros anos do século XVII, en 1617 convértese en Capela de Reliquias, presidida por un retablo manierista de 1630, de Bernardo Cabrera e Gregorio Español que se perdeu nun lume en 1921. O actual retablo foi regalado pola emigración galega en Cuba e realizado, en madeira de cedro, en 1924 por Magariños. Nel expóñense algunhas das pezas de orfebrería máis significativas do patrimonio catedralicio.

Capela do Cristo de Burgos

Tamén coñecida polo nome do seu fundador, o Arcebispo Pedro Carrillo, que a encargou a Melchor de Velasco entre 1662 e 1664. Ten planta de cruz grega e está presidida polo crucifixo que lle da nome, que data do século XVIII, que se incrusta no retablo, obra de Bernardo Cabrera e Mateo de Prado. Nun dos laterais atópase o sepulcro do Arcebispo fundador, obra de Pedro del Valle.

Capela da Comuñón

No espazo que ocupaba desde a primeira metade do século XV a Capela de Nosa Señora do Perdón, vinculada ao Arcebispo Lope de Mendoza, construíuse no 1769 a actual Capela da Comuñón, patrocinada polo Arcebispo D. Bartolomé Rajoy y Losada, segundo o proxecto arquitectónico de Miguel Ferro Caaveiro. Á capela accédese a través dun nártez no que se conserva a fermosa imaxe gótica da Virxe do Perdón. Trátase dunha capela de planta circular na que oito grandes columnas sustentan a cúpula na que se abre un grande óculo que ilumina o espazo.

Capela de Santa Catalina

Situada xunto á porta da Acibechería, ocupa a situación orixinal do Panteón Real, trasladado en 1536 á actual Capela de Reliquias-Panteón Real. Tras sucesivas reformas, o retablo que se conserva é de finais do século XVIII.

Capela de Santo Antonio

Pequena capela situada xunto á Porta da Acibechería, o seu retablo é obra de Manuel de Leis, de 1729.

Capela de San Andrés

Capela construída en 1674 seguindo plans de Vega y Verdugo, a súa utilización inicial, ao ter porta ao exterior, foi cuarto de gardas. En 1695 pasa a ser Capela de San Andrés. O seu retablo maior, de 1707, é obra de Fernández Espantoso.

Capela de San Nicolás

Desde o século XVII é vía de tránsito á Capela da Corticela. Trátase dunha das pequenas capelas absidiais da catedral románica. A súa realización débese ao Mestre Esteban, en 1105, e entón era coñecida como “parroquia de estranxeiros”, pois era a primeira capela que os peregrinos se atopaban ao acceder ao interior da Catedral. Actualmente poden apreciarse diferentes elementos arquitectónicos orixinais.

Capela de “Sancti Spiritus”

Capela alongada de planta vinculada á familia Moscoso, cuxas armas coroan a portada, é lugar de varios enterramentos, destacando o do Bispo Moscoso, enmarcado por pinturas murais do século XVI representando o “Descendemento” e asentado sobre pezas trilobuladas relacionadas co Mestre Mateo. O retablo barroco da Soedade é o que pechaba o trascoro da Catedral, retirado en 1945, presidido por unha imaxe da Virxe realizada no obradoiro madrileño de 1666.

Capela da Corticela

Antiga fundación, do século IX, orixinalmente separada da Catedral e actualmente unida por un corredor do século XVIII; a capela foi reedificada en 1213 en relación co obradoiro do Mestre Mateo, descando pola súa portada, presidida por unha Epifanía. Sustituíndo á Capela de San Nicolás, é a parroquia de estranxeiros desde 1527.

Capela de Prima

Capela proxectada por Juan de Álava e realizada en 1523 por Jácome Fernández. Ocupa dous tramos da catedral románica. O seu nome débese á Confraría de Cléridos ou de Capeláns de Coro, tamén chamados da Inmaculada, a quen pertence a capela. É o lugar de enterramento de Domingo de Andrade. Destaca o seu retablo, obra de Simón Rodríguez, presidido por unha imaxe da Inmaculada obra de Cornielis de Holanda; e o relieve co Descendemento, de Diego de Sande.

Capela de Santa Fe

Capela de planta poligonal con sucesión de arcos de medio punto en cada un dos seus tramos, tamén se coñece como “de San Bartolomé”, pola fundación establecida nela polo canónigo Rodríguez de Sotomayor nos primeiros anos do século XVI. Uns anos máis tarde o mestre de escuela Diego de Castilla, sobriño de Pedro I, que se enterra nun lateral da capela nunha destacable arquitectura renacentista do Mestre Arnao. O retablo, renacentista, relaciónase con Juan de Álava. Está presidido pola Virxe do Bo Consello, con Santiago e San Bartolomé aos lados.

Capela de San Xoán

Capela que ata 1917 foi sé parroquial adicada a San Xoán; a súa estrutura románica foi modificada para ampliar a capela, na súa cabeceira, nos séculos XVI e XVII. Por iso, entre a bóveda primitiva e a nova que, con forma de venera, remata a ampliación, abriu unha linterna de formas propias do Barroco compostelán, que se atribúe a Simón Rodríguez, enterrado nesta capela e de quen tamén debe ser o retablo, no que se representan esceas da vida de San Xoán e que foi modificado en 1917 con motivo da colocación na súa parte central da imaxe de Santa Susana, nomeada copatrona da cidade nese ano, obra de Aniceto Marinas.

Capela dos España ou de Nosa Señora A Branca

Capela fundada por Juan de España a finais do século XIII, a súa estrutura actual data do século XV, mantendo ao citado España como patrono xunto a Nosa Señora a Branca, imaxe barroca realizada por Gregorio Fernández en 1744, que preside o retablo neogótico, de 1906, realizado por Magariños. Sobre o arco de acceso á capela atópase unha das cruces de consagración da Catedral, en 1211.

Capela do Salvador

A capela central da xirola, nos capiteis de entrada pódense ler as incripcións “Reinando o príncipe Afonso construíuse esta obra” e “En tempos do Bispo Diego comezouse esta obra”, datadas no ano 1075. O retablo, de pedra policromada é obra de Juan de Álava e data do ano 1532, sendo presidido por una imaxe gótica do Salvador amosando as súas chagas. Esta capela, que tamén recibe o nome de “do rei de Francia”, era na que nos antigos peregrinos a Compostela podían confesarse en diferentes idiomas e recibir a Compostela.

Capela de San Pedro

Capela que mantén casi intacta a súa fábrica medieval, atópase situada xunto á Porta Santa. Lugar de enterramento de Dª Mencía de Andrade, que se fixo cargo dos gastos da Capela en 1571. Desta época destacan as pinturas medievais, aparecidas tras unha restauración en 1988 e o sepulcro de Dª Mencía, obra de Juan B. Celma. O retablo, de 1731, foi proxectado por Fernando de Casas, coa imaxe da Azucena na súa hornacina principal, polo que esta capela tamén recibe este nome.

Capela de Mondragón

Capela fundada en 1521 polo Canónigo Juan de Mondragón, tamén coñecida como Capela da Piedade ou de Santa Cruz (pois o seu patrono depende do marquesado de Santa Cruz). Destaca o magnífico retablo que preside a capela, obra sevillana do borgoñón Miguel Perrín, de 1526, realizado en terracota representando a Lamentación ante Cristo Morto.

Capela do Pilar

Inicialmente concebida como nova Sacristía da Catedral, Domingo de Andrade iniciou a súa construción no espazo que ata entón ocupaban a Capela de San Andrés e a de San Martín ou San Fructuoso. Fernando de Casas substituíu a Andrade na dirección das obras en 1711; e dous anos despois, o Arcebispo Monroy decidiu cambiar a Sacristía pola Capela do Pilar, asumindo él entón os custes da obra. En 1719, catro anos despois da morte de Monroy, cuxo enterramento se atopa nun lateral, finaliza a construción da nova capela, cuxa coidada decoración non finaliza ata 1723. A capela destaca pola súa riqueza ornamental e de materiais, utilizandose mármoles e jaspes, especialmente no seu retablo, realizado por Miguel de Romay e presidido pola Aparición da Virxe do Pilar ao Apóstolo Santiago, as caixoneiras de madeira nobre que rodean a capela e a cúpula octogonal coa decoración xacobea e heráldica.

Capela Maior

Aínda que con abundantes modificacións que se foron facendo ao longo dos anos, a Capela Maior da Catedral mantén a súa estrutura románica esencial, condicionada pola situación, na parte inferior, da Tumba de Santiago Apóstolo. Na actualidade a Capela Maior está protagonizada por dous elementos principais: Un platal barroco realizado polo salmantino Juan de Figueroa nos anos finais do século XVII grazas ao mecenazgo do Arcebispo Monroy. O conxunto enmarca a imaxe pétrea de Santiago Sedente,  do obradoiro do Mestre Mateo nos primeiros anos do século XIII, revestido coa esclavina de prata, á que os peregrinos e fieles se abrazan accedendo polas escaleiras situadas na xirola. O Baldaquino, sustentado por anxos, é obra de Domingo de Andrade, segundo os desexos de Vega e Verdugo. No cruceiro, no acceso á Capela Maior, atópanse os púlpitos de bronce, obra de Juan Bautista Celma.

O Apóstolo Santiago

O Apóstolo Santiago o Maior é un dos doce discípulos de Xesucristo. Irmán de Xoán, o Evanxelista, é fillo de Zebedeo e María Salomé. Xunto con Pedro e Xoán, pertence ao grupo dos tres discípulos privilexiados que foron admitidos por Xesús nos momentos importantes da súa vida, como na súa agonía na horta de Getsemaní e no acontecemento da Transfiguración. Segundo os Feitos dos Apóstolos, Santiago foi o primeiro apóstolo martirizado, degolado por orde de Herodes Agripa cara ao ano 43 en Xerusalén. A tradición relata como o seu corpo é trasladado por mar ata as terras galegas, sendo enterrado nun bosque, donde hoxe se levanta a súa Catedral.

A continuación, pódese ampliar información sobre a historia e o culto ao Apóstolo Santiago con este extracto de “Iacobus”, catálogo da exposición do mesmo nome, que acolleu a Catedral de Santiago en 2013. Texto de Segundo L. Pérez, Deán da Catedral de Santiago.

Ver documento

Iconografía

Santiago Apóstolo

A imaxe do Apóstolo Santiago é unha das máis difundidas, non só en España, senón tamén no resto de Europa e, sobre todo, en América Latina. A historia e as tradicións foron configurando unha iconografía representativa da súa figura e que, de xeito especial, se difunde na Catedral.

Santiago Peregrino

Quizáis sexa a representación máis difundida, pode ir calzado ou descalzo, con túnica, manto, esclavina e bordón, a imitación dos peregrinos medievais. Soe levar sombreiro, cabaza e cuncha de vieira. É a imaxe que coroa o camarín do altar maior e que é adorada polas figuras dos reis e a que preside a fachada do Obradoiro.

Santiago Cabaleiro

Como guerreiro aparece montado a cabalo, en posición de ataque e coa espada. É unha iconografía que se estende no contexto da Reconquista, a imitación da representación do relieve do tímpano de Clavijo na catedral compostelana, e que acada gran popularidade no século XVI. Un Santiago Cabaleiro coroa o baldaquino do altar maior e preside a súa capela propia na nave norte.