Presentación da versión en galego da Credencial do Peregrino e do Certificado de Distancia

O deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentaron esta mañá a nova versión galega de dous documentos mediante os que os viaxeiros que fan o Camiño acreditan a súa peregrinación a Compostela: a Credencial do peregrino e o Certificado de distancia. Fixérono no salón de actos da Casa do Deán, a escasos metros das oficinas onde se recibe aos milleiros de peregrinos e peregrinas que chegan cada ano a Santiago e onde se lles entregan os documentos que certifican os pasos dados para alcanzar o sepulcro do Apóstolo.

Ambos sinalaron a importancia de facer presente o galego en absolutamente todos os ámbitos da vida e valorou o poder contar coa colaboración dos implicados en cada un deses sectores para ‘abrir camiños para a lingua galega e chegar a onde a Xunta de Galicia soa non podería chegar’, razón pola que se agradeceu a boa disposición do cabido catedralicio. Rodríguez destacou a importancia dos dous documentos que se presentaban para avanzar na extensión do galego no ámbito das crenzas relixiosas e, así mesmo, para difundir a nosa lingua e cultura entre as persoas de todas as partes do mundo que nos visitan.

A Credencial do peregrino é un documento que os viaxeiros deben ir selando en cada parada do Camiño para certificaren o seu paso polas distintas etapas, de maneira que ao chegaren á meta poidan recibir a ansiada Compostela. Herdeira dos documentos que os peregrinos medievais empregaban como salvoconduto, a credencial oficial aceptada pola Oficina de Peregrinacións da Diocese de Santiago pódese conseguir solicitándoa persoalmente na Oficina de Acollida ao Peregrino ou noutras institucións autorizadas pola Catedral de Santiago, tales como parroquias, asociacións de amigos do Camiño de Santiago, albergues, confrarías etc.

Ademais, desde o pasado ano, os camiñantes que chegan a Santiago poden certificar a súa viaxe con dous documentos: a tradicional Compostela –que só se outorga en latín- e o novo Certificado de distancia, que hoxe se presentou na súa versión galega. O certificado de distancia responde ao desexo dos peregrinos de contaren cunha certificación que recolla os detalles da súa viaxe, tales como o día e punto de inicio, os quilómetros percorridos, o día de chegada e a rota pola que se transitou. É posible solicitala na Oficina do Peregrino para peregrinacións realizadas con anterioridade á súa creación.