A Catedral de Santiago ven de recibir a doazón da obra Crucifixión, do artista de orixe iraqí Hanoos Hanoos. Nacido na cidade de Kufa, en Iraq, en 1958, realizou os seus estudos no Instituto de Belas Artes de Bagdad. Tras varias viaxes por Europa, especialmente por Italia, ingresou en 1984 na Facultade de Belas Artes de Madrid, onde tamén realizou estudos de Historia da Arte e de Estética. Dende entón vive afincado en Madrid. Hanoos é un dos poucos pintores árabes dedicado profesionalmente á pintura e á investigación teórica da arte.
A comezos deste ano, propuxo doar a súa obra Crucifixión á Catedral de Santiago, onde, unha vez recibida, foi inventariada e exposta en San Martiño Pinario, formando parte da exposición do futuro Museo Diocesano. A obra, elaborada con técnica mixta sobre lenzo a modo de tríptico, destaca polo seu especial carácter narrativo, cunha densa cruz de fondo que abraza toda unha amalgama de cores que introducen as diferentes lecturas, asociadas á vida, morte e resurreción de Xesucristo.