Con motivo do Día Internacional das Bibliotecas, o Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago, xunto coa Biblioteca do Instituto Teolóxico Compostelán, organizan unha xornada de visitas guiadas a estes espazos culturais de titularidade eclesiástica. Terán lugar este venres 23 de outubro, a partir das 09:30 h, e están concibidas a modo de ruta, de maneira que os visitantes poidan acceder ás dúas bibliotecas nun mesmo percorrido guiado.
A Biblioteca de Estudios Teolóxicos da Galicia, pertencente ao Instituto Teolóxico Compostelán, é un servizo aberto ao público en xeral, que ofrece consulta de fondos e facilita a investigación científica en diversos campos, tales como Filosofía, Biblia, Teoloxía, Historia Xeral, Historia da Igrexa, Historia da Arte e Humanidades. Está situado no edificio do antigo mosteiro de San Martiño Pinario e conta con máis de 350 metros lineais de libre acceso e de 3.259 metros lineais para os fondos restrinxidos. Comezou a funcionar como tal en 1984, integrando no seu fondo bibliográfico aqueles que pertencían ao Seminario Conciliar Central de Santiago de Compostela (1869-1896), á posterior Universidade Pontificia Compostelá (1896-1931) e ao Seminario Maior (1932-1984).
Pola súa, parte, na Biblioteca da Catedral de Santiago combínanse antigos volumes, algúns incunables, coas máis recentes obras de referencia e investigacións editadas, que reflicten a triple faceta deste centro: biblioteca capitular, biblioteca xacobea e biblioteca auxiliar do Arquivo Catedralicio. Na visita guiada, ademais do actual centro de investigación, visitarase a histórica biblioteca capitular, na que se expoñen interesantes facsímiles dalgunhas das máis coñecidas obras custodiadas na basílica xacobea.
Ademais, a Biblioteca Capitular organiza unha pequena exposición sobre clásicos universais custodiados no fondo antigo. Seleccionáronse un total de vinte e nove libros: na primeira vitrina expóñense clásicos da literatura grega e romana (Homero, Virxilio) e da literatura medieval (Tomás de Aquino e Petrarca); namentres que na segunda vitrina exhíbense grandes clásicos do século XVI (Shakespeare, santa Teresa de Xesús), do século XVII (Calderón de la Barca, Francisco de Quevedo) e do século XVIII (Voltaire, Montesquieu) entre outros. Poderá visitarse na Biblioteca Capitular, como parte do percorrido do Museo Catedral.
Para participar nas visitas é preciso inscribirse previamente, enviando un correo electrónico a biblioteca@catedraldesantiago.es, co nome completo e DNI (máximo dúas prazas por reserva).