O Museo Colexiata de Sar desenvolve un amplo proxecto de estudo e catalogación dos seus fondos medievais

O MuSar -Museo Colexiata de Sar- leva varios meses desenvolvendo un amplo proxecto que está a permitir afondar no estudo e anovar a catalogación de todas as pezas de orixe medieval que posúe. En concreto, estase traballando coas diferentes pezas que, procedentes do antigo prioridado medieval, estaban almacenadas e diseminadas en diferentes espazos da Colexiata.

Deste xeito, estase a examinar toda a escultura medieval que fora descuberta nos distintos traballos de restauración e repavimentación do edificio, así como as lápidas e inscricións procedentes de antigos enterramentos. En paralelo, desenvolveuse un estudo de todos os documentos procedentes de Santa María de Sar, e que actualmente, atópanse depositados no Arquivo Diocesano. Tras un proceso de selección e análise dos documentos, procedeuse ao escaneado dos exemplares pertencentes aos séculos medievais, anovando a súa catalogación mediante un método no que, en fichas, se recollen as transcricións e un comentario sobre as características da documentación e o seu contexto histórico e documental. Entre eles atópanse verdadeiras xoias documentais, algunha do século IX, e que son testemuña da importancia histórica de Santa María de Sar no conxunto da historia de Compostela.

No que se refire á epigrafía, este traballo está permitindo dispoñer dunha ferramenta útil para aportar novos datos sobre laudas funerarias, sartegos e inscricións, algunhas non detectadas ata o de agora.

Para divulgar todo o proxecto, levouse a cabo a organización de visitas guiadas e encontros didácticos dirixidos a escolares, co obxectivo de achegar ao público en xeral a inmensa riqueza que atesoura o conxunto monuemntal de Sar.

O proxecto dirixido polos historiadores da arte, Ramón Yzquierdo e Victoriano Nodar, conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través das súas axudas aos centros museísticos. Encádranse nun traballo maior de renovación do proxecto museístico e actualización da colección permanente do Museo Colexiata de Sar (MuSar) e servirá de apoio a futuras accións de actualización e mellora museográfica. 

Web MuSar Medieval