Durante os últimos meses procedeuse a desenvolver os traballos de recuperación das pinturas do ciborio, o espazo abovedado sobre o cruceiro da catedral, e que, dende o punto de vista estilístico, foron concibidas de maneira conxunta coas bóvedas da capela maior.
O espazo estaba moi afectado pola humidade, presentando alteracións e disgregacións, falta de cohesión entre las diferentes capas, eflorescencias salinas, craquelados e pérdidas de soporte e película pictórica. Unha vez corrixida a entrada de humidade, trala obra de recuperación de todo o conxunto arquitectónico do cimborrio entre os anos 2016 e 2018, foi posible acometer todo o proceso actual de recuperación da decoración pictórica.
O estudo previo realizado permitiu coñecer e documentar a evolución das diferentes intervencións polícromas no ciborio. Neste sentido constatouse a existencia de tres policromados principais: o orixinal, obra de Juan Bautista Celma, o mesmo que ideou o enxeño do Botafumeiro colocado tamén nese espazo; unha segunda policromía, de época barroca (ca. 1675); e a terceira, que se corresponde coa mesma decoración das bóvedas da capela maior, e que é atrubuída a Gabriel Fernández, quen a realizaría cara a 1766. É esta terceira policromía a que será visible agora principalmente, tralo proceso de restauración.
No que se refire á decoración, parte do espazo central, a modo de espectacular explosión radial de luz sobre un fondo azul ceo que o rodea. Nas paredes do tambor octogonal enmárcanse os ventanais góticos, onde os hai e recréanse onde non os hai. Uns e outros presentan, ademais, un enmarque dourado, a base de follas de acanto. As ménsulas antropomórficas que sosteñen a balconada que rodea o octógono tamén presentan dourados, como xa fixera Celma, e a superficie das trompas inferiores aprovéitanse como espazo para acubillar unha vieira xacobea.
A obra de restauración, dirixida dende a Fundación Catedral de Santiago, está a ser desenvolvida pola empresa especializada Petra.