A Catedral de Santiago desenvolve un novo proxecto de posta en valor da figura do Mestre Mateo

Baixo o título «Mestre Mateo. O grande artista da catedral compostelá», a Fundación Catedral de Santiago está a desenvolver un novo proxecto de posta en valor de esta figura clave na arte medieval. A iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña, grazas ao seu programa FO215 para o desenvolvemento de actividades culturais durante o ano 2025.

Neste sentido, estanse a levar a cabo tarefas de catalogación, investigación e difusión de diferentes aspectos relacionados co Mestre Mateo, quen dirixiu as obras de finalización da catedral románica de Santiago, coa realización, entre outras obras, do recoñecido Pórtico da Gloria. En concreto, editarase un libro, que será unha actualización do catálogo difundido con motivo da grande exposición monográfica que levou a arte mateá ata o Museo del Prado, en 2016, e ao propio Museo Catedral, en 2017. Contará con artigos escritos polos historiadores da arte Manuel Castiñeiras e Ramón Yzquierdo Peiró, que analizarán a importancia e influencia do Mestre Mateo na construción da catedral. O libro incluirá una artigo do historiador Ramón Yzquierdo Perrín, recentemente falecido, polo que, desta maneira, servirá tamén de homenaxe á súa traxectoria como un dos principais estudosos da basílica xacobea. Tamén participa na redacción o académico da Real Academia de Belas Artes de Galicia, Carlos Valle.

Ademais do libro, procederase a realizar un folleto divulgativo, que permitirá axudar aos visitantes a coñecer mellor e aproximarse á figura do Mestre Mateo e ao seu traballo na catedral.

Tamén se traballará na elaboración dun repositorio monográfico web, aloxado na páxina web do Museo Catedral de Santiago (www.museocatedraldesantiago.gal), con diferentes contidos dixitais, como modelos 3D e vídeos.

De maneira paralela, desenvolverase un programa didáctico, dirixido a centros escolares de Galicia, que permitirá que os máis pequenos visiten a obra do Mestre Mateo na catedral, e aprendan conceptos relacionados coa arte medieval galega, a partir de actividades dirixidas por técnicos especializados.