A Catedral de Santiago organiza visitas guiadas con motivo do Día Internacional das Bibliotecas

Con motivo do Día Internacional das Bibliotecas, o Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago, xunto coa Biblioteca Franciscana, organizan unha xornada de visitas guiadas a estes espazos culturais de titularidade eclesiástica. Terán lugar este venres 24 de outubro, a partir das 10:30 h, e están concibidas a modo de ruta, de maneira que os visitantes poidan acceder ás dúas bibliotecas nun mesmo percorrido guiado.

A Biblioteca Franciscana é a principal biblioteca da provincia franciscana de Santiago, e está situada no convento de San Francisco. Trátse dunha das máis grandes e importantes bibliotecas relacionadas con ordes relixiosas e conta na actualidade con máis de cen mil libros, dos que 80.000 pertencen ao fondo antigo, que abarca dende o século XVI ao XVIII, con 72 incunables.

Pola súa, parte, na Biblioteca da Catedral de Santiago combínanse antigos volumes, algúns incunables, coas máis recentes obras de referencia e investigacións editadas, que reflicten a triple faceta deste centro: biblioteca capitular, biblioteca xacobea e biblioteca auxiliar do Arquivo Catedralicio. Na visita guiada, ademais do actual centro de investigación, visitarase a histórica biblioteca capitular, na que se expoñen interesantes facsímiles dalgunhas das máis coñecidas obras custodiadas na basílica xacobea.

Para participar nas visitas é preciso inscribirse previamente, enviando un correo electrónico a:
-biblioteca@catedraldesantiago.es
-biblioteca@ofmsantiago.com