Primeira fase do proxecto editorial “A Catedral de Santiago, unha visión integral”

A Catedral de Santiago, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, levou adiante en 2018 a primeira fase do proxecto editorial “A Catedral de Santiago, unha visión integral” que culminará en 2021. Tal proxecto  consiste nunha obra compilatoria que axudará a unha comprensión integral da Domus Iacobi: explicando a complexidade e excelencia do proceso construtivo do conxunto catedralicio, das circunstancias e evolución da súa  materialidade física ao longo dos séculos, e da relación material e inmaterial entre o templo, a cidade e o Camiño de Santiago, completada cun  rigoroso diálogo interdisciplinar entre historiadores, historiadores da arte, arqueólogos, arquitectos e restauradores, e enriquecida cunha reflexión compartida con outras disciplinas  humanísticas e teolóxicas.

A Catedral de Santiago foi obxecto de gran número de estudos e análises que, profundando en aspectos da súa concepción, construción, estética e sentido, focalizáronse en elementos parciais, ou en períodos concretos da súa xa milenaria historia. En moi escasas ocasións, o obxecto de estudo foi a catedral como un todo, ou o punto de vista, unha visión integral, no sincrónico e diacrónico, do templo.

Un fito desas escasas aproximacións integrais foi o traballo de K. J.  Conant e tal antecedente anima o novo proxecto, que, tamén, quere ser homenaxe a aquel empeño meritorio. Ao mesmo tempo, a intensidade e amplitude das intervencións que se acometeron no Templo desde o ano 2011 en execución do seu Plan Director de restauración e conservación, fan necesario aproveitar a información derivada delas para documentar os traballos realizados e completar e enriquecer o acervo analítico sobre a historia do templo, xa non só en función de estudos e aproximacións hipotéticas ou especulativas ante a ausencia de datos de campo, senón baseadas na súa realidade construtiva á que se pode acceder a través da acción restauradora e conservadora.

Os traballos realizados en 2018 consistiron en programar os apartados específicos en que se divide o proxecto, (“A Catedral de Santiago, Historia e Arte”; “A catedral como construcción: o palimpsesto catedralicio (homenaxe a K. J. Connant)”;  “A Catedral e a evolución da cidade de Santiago e dos camiños”; e ” A restauración e conservación da Catedral 2011-2027”) asignándolles un coordinador e definindo cos distintos especialistas participantes en cada un deles a metodoloxía e a aportación de estudos iniciais para desenvolver o proxecto.

Igualmente, definíronse e realizáronse traballos de levantamento planimétrico sobre a base dun barrido en scaner 3D do templo, para dispoñer do soporte necesario para o tratamento gráfico da información resultante.

O proxecto desenvolverase durante 2019 e 2020 cunha metodoloxía que promove a interdisciplinariedade e a unicidade das distintas aportacións expertas, de forma que en 2021 se culmine cunha efectiva “Visión Integral da Catedral de Santiago”.