«Un campo cheo de estrelas» será o himno do Ano Santo Compostelán 2027

Un campo cheo de estrelas, himno do Ano Santo Compostelán 2027, composto polo músico galego Carlos Martínez Movilla, quere expresar a experiencia do Camiño de Santiago desde o seu sentido máis profundo: non unicamente como percorrido xeográfico ou experiencia cultural, senón como peregrinación interior e espiritual, capaz de transformar a vida de quen se pon en camiño.

Desde hai máis dun milenio, homes e mulleres de procedencias, culturas e condicións moi diversas percorren uns mesmos camiños cara a Compostela. As «rutas de pedra e silencio» da primeira estrofa evocan esa historia secular de peregrinación e de fe: camiños percorridos por xeracións de peregrinos que deixaron sobre eles as súas preguntas, as súas esperanzas, os seus cansazos e as súas oracións. Son, como afirma o himno, «fíos que tecen a fe», unha imaxe que presenta o Camiño como unha gran trama espiritual construída ao longo dos séculos.

Nese Camiño «non importa de onde veñas / nin a cor da túa pel». A peregrinación aparece así como unha experiencia de universalidade e fraternidade. Quen emprende o Camiño deixa atrás, polo menos temporalmente, moitas das categorías que habitualmente separan as persoas. Todos avanzan sobre as mesmas pedras, seguen os mesmos sinais, experimentan o cansazo e necesitan dos demais. Desde unha perspectiva cristiá, esta diversidade que conflúe nun mesmo Camiño remite á vocación universal da Igrexa, pobo convocado de toda lingua, pobo e nación, no que o outro deixa de ser un estraño para converterse en compañeiro e irmán.

Pero o verdadeiro sentido do Camiño non consiste simplemente en chegar a Compostela. O propio himno sitúa no centro a transformación do peregrino: «importa quen volverá / sendo distinto». A peregrinación cristiá é sempre imaxe dunha conversión. Sáese dun lugar, pero tamén dun mesmo; camíñase exteriormente mentres se percorre un itinerario interior. O silencio, o esforzo, a convivencia, a vulnerabilidade e o encontro permiten mirar doutro xeito a propia existencia. Por iso, quen regresa non debería ser exactamente o mesmo que comezou o Camiño.

O retrouso recolle unha das imaxes fundacionais de Compostela: o campo de estrelas que conduce ata Santiago. As frechas do Camiño orientan os pasos do peregrino cara a un lugar concreto, pero son tamén símbolo dunha orientación máis profunda. «Guíame […] á túa casa Santiago» converte o Apóstolo en compañeiro e guía.

Santiago non aparece, porén, como termo último da peregrinación cristiá. O Apóstolo conduce máis alá de si mesmo. Como discípulo e testemuña de Xesucristo, a súa misión é precisamente sinalar cara a El. Compostela é o final físico do percorrido, pero Cristo é a verdadeira meta do peregrino.

Esta lectura acada especial intensidade na segunda estrofa. A chegada á Catedral exprésase mediante símbolos profundamente vinculados ao Ano Santo: a Porta Santa, a graza e o perdón. «Porta que eleva á Gloria / perdón que atopa o seu rumbo / graza que o ano custodia» sitúa a chegada non simplemente diante dun monumento, senón ante o misterio dunha porta que invita a atravesar un limiar interior.

Na tradición cristiá, atravesar a Porta Santa expresa o desexo de conversión e de reconciliación, a acollida dunha graza que procede de Deus e a decisión de comezar de novo. A porta material convértese así en signo doutra porta: Cristo, por quen o crente entra nunha vida renovada a través do sacramento do perdón.

Tamén o xesto de apertura da Porta Santa adquire no himno un significado simbólico: «un martelo de prata / derruba todos os muros». O muro que cae pode comprenderse como imaxe de todo aquilo que separa: as fronteiras entre pobos, pero tamén os muros interiores do egoísmo, do prexuízo, do resentimento, do medo, da indiferenza, do pecado. Fronte a eles, o himno propón a comuñón: «nin ti nin eu, senón xuntos».

O Ano Santo preséntase deste xeito como unha chamada á reconciliación con Deus e cos irmáns e á construción dunha fraternidade que non elimina a diversidade, senón que a reúne.

Por iso, a frase final constitúe a clave que ilumina retrospectivamente todo o himno: «Guíame, guíame, guíame, / acompáñame a atoparme con El». Todo o percorrido desemboca neste desexo. Santiago acompaña, guía e intercede, pero non ocupa o lugar da meta. O peregrino chega ata a casa do Apóstolo para ser conducido ao encontro con Aquel a quen Santiago seguiu e anunciou: Xesucristo.

Así, Un campo cheo de estrelas describe un Camiño completo: comeza cuns pés que se poñen en marcha, continúa co encontro cos demais e cun mesmo, atravesa a experiencia do cansazo, do silencio e da fraternidade, e culmina ante a Porta Santa como signo de perdón e de graza. Pero a chegada a Compostela non pecha o Camiño. Transfórmao en envío. O peregrino volve ao seu lugar de orixe sendo distinto porque descubriu que a verdadeira peregrinación continúa na vida cotiá.

Neste sentido, o himno quere expresar unha convicción esencialmente cristiá: camiñamos xuntos, guiados polo testemuño do Apóstolo, para deixarnos transformar pola graza e atoparnos con Cristo. Santiago é termo do camiño visible, pero non a meta última. A meta é El, Cristo.

HIMNO DO ANO SANTO COMPOSTELÁN 2027

«UN CAMPO CHEO DE ESTRELAS»

Carlos Martínez Movilla – Música e letra

Músicos:

-Noelia Álvarez – Voz e coros

-Xosé Liz – Buzukis

-Harry C – Violíns 

-Oscar Ibáñez – Frautas e gaitas

-Leandro Deltell – Batería

-Paco Dicenta – Baixo, teclados, arranxos e produción

Figurantes:

-María Gabriela Ramos

-Fani Paz

-Manu Vázquez

-Dani Vázquez

Hugh McGinley – Producción audiovisual

Oscar Valado – Coordinación do proxecto

Letra – partituras