Catedral
Historia
Bernardo o Vello, Mestre Admirable, e Roberto, inician a construción da Catedral Románica no ano 1075, baixo o reinado de Afonso VI e sendo Bispo D. Diego Peláez. Tras esta etapa inicial, diversos avatares suspenden ou, cando menos, ralentizan as obras, ata que toman un novo impulso nos tempos do Arcebispo Xelmírez, no ano 1100, a cargo do Mestre de Praterías; pouco a pouco a construcción da Catedral irá avanzando ao longo do século XII, encargándose en 1168 ao Mestre Mateo a finalización da mesma, incluíndo o peche occidental e a construcción do Coro na nave maior. No ano 1211 celébrase a consagración da Basílica coa presenza de Afonso IX.
Aínda que a estrutura medieval mantívose no fundamental, ao longo dos séculos a Catedral foi variando a súa fisonomía coa construción no Renacemento do Claustro e os seus espazos anexos e, sobre todo no Barroco, no que se realizan obras como a capela maior, os órganos, o peche da cabeceira ou a fachada do Obradoiro, entre outras importantes actuacións. Durante o Neoclasicismo realízase a nova fachada de Acibechería e nos últimos cen anos seguiron realizándose novas actuacións.
Arte
O Apóstolo Santiago
O Apóstolo Santiago o Maior é un dos doce discípulos de Xesucristo. Irmán de Xoán, o Evanxelista, é fillo de Zebedeo e María Salomé. Xunto con Pedro e Xoán, pertence ao grupo dos tres discípulos privilexiados que foron admitidos por Xesús nos momentos importantes da súa vida, como na súa agonía na horta de Getsemaní e no acontecemento da Transfiguración. Segundo os Feitos dos Apóstolos, Santiago foi o primeiro apóstolo martirizado, degolado por orde de Herodes Agripa cara ao ano 43 en Xerusalén. A tradición relata como o seu corpo é trasladado por mar ata as terras galegas, sendo enterrado nun bosque, donde hoxe se levanta a súa Catedral.
A continuación, pódese ampliar información sobre a historia e o culto ao Apóstolo Santiago con este extracto de “Iacobus”, catálogo da exposición do mesmo nome, que acolleu a Catedral de Santiago en 2013. Texto de Segundo L. Pérez, Deán da Catedral de Santiago.
Iconografía
Santiago Apóstolo
A imaxe do Apóstolo Santiago é unha das máis difundidas, non só en España, senón tamén no resto de Europa e, sobre todo, en América Latina. A historia e as tradicións foron configurando unha iconografía representativa da súa figura e que, de xeito especial, se difunde na Catedral.
Santiago Peregrino
Quizáis sexa a representación máis difundida, pode ir calzado ou descalzo, con túnica, manto, esclavina e bordón, a imitación dos peregrinos medievais. Soe levar sombreiro, cabaza e cuncha de vieira. É a imaxe que coroa o camarín do altar maior e que é adorada polas figuras dos reis e a que preside a fachada do Obradoiro.
Santiago Cabaleiro
Como guerreiro aparece montado a cabalo, en posición de ataque e coa espada. É unha iconografía que se estende no contexto da Reconquista, a imitación da representación do relieve do tímpano de Clavijo na catedral compostelana, e que acada gran popularidade no século XVI. Un Santiago Cabaleiro coroa o baldaquino do altar maior e preside a súa capela propia na nave norte.